Os coleccionistas do Mundial teñen unha cita este sábado en Ortigueira para completar os seus álbums

FerrolXa
O parque da Alameda acollerá desde as 12.00 horas un encontro aberto para intercambiar cromos e compartir a afección polo coleccionismo futbolístico
ORTIGUEIRA cambio cromos
8 Aug 2026

As persoas afeccionadas ao coleccionismo de cromos de fútbol terán este sábado 8 de agosto unha nova oportunidade para completar os seus álbums nun encontro de intercambio que se celebrará en Ortigueira.

A cita desenvolverase a partir das 12.00 horas no parque da Alameda, onde coleccionistas de todas as idades poderán levar os seus cromos repetidos para intercambialos con outros participantes e conseguir así as pezas que lles faltan para completar a colección do Mundial.

O encontro está pensado tanto para quen leva anos no mundo do coleccionismo como para quen acaba de iniciar o seu álbum, favorecendo un espazo de convivencia no que compartir experiencias e a paixón polo fútbol.

Este tipo de iniciativas convertéronse nunha tradición coincidindo co lanzamento das coleccións dos grandes campionatos internacionais, reunindo a familias, nenos, mozos e persoas adultas arredor dunha afección que continúa gañando seguidores.

Baixo o lema 'Un álbum, milleiros de historias, unha paixón que nos une', a organización anima á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta xornada de intercambio e desfrutar dunha actividade gratuíta na que o obxectivo principal será completar coleccións e coñecer a outros afeccionados.

0.089654922485352