Os concellos de Cedeira e Valdoviño reclaman solucións para garantir o futuro das mariscadoras

FerrolXa
Ambos os municipios acordaron coa Confraría de Pescadores investigar as causas da mortaldade de ameixas e berberechos e buscar medidas de apoio para as doce traballadoras, algunhas das cales xa esgotaron a prestación por desemprego
VALDOVIÑO e CEDEIRA reunion cofradia cedeira
30 Oct 2026

A falta de produtividade dos bancos marisqueiros da ría de Cedeira volveu centrar unha reunión entre representantes dos concellos de Cedeira e Valdoviño e da Confraría de Pescadores, celebrada este venres no consistorio cedeirés. O encontro serviu para analizar a difícil situación que atravesa o colectivo das mariscadoras e reclamar medidas que permitan recuperar os recursos e garantir a continuidade da actividade.

Un dos acordos alcanzados foi instar a investigar as causas, ou posibles causas, que están provocando a morte dos berberechos e das ameixas nos bancos da ría. As partes consideran necesario coñecer a orixe do problema para poder adoptar medidas eficaces de recuperación. Ademais, abordaron a necesidade de establecer mecanismos de apoio económico ás traballadoras mentres non poidan retomar a súa actividade.

A crise dos recursos marisqueiros arrástase desde 2024 e, salvo momentos puntuais de recuperación, a situación non mellorou. Na actualidade non hai produción e as mariscadoras permanecen paradas. A Xunta declarou o cese da actividade a comezos deste ano, o que permitiu ás traballadoras acceder á prestación por desemprego. Porén, a falta dunha solución prolongada no tempo está a aumentar a preocupación polo esgotamento das axudas.

De feito, algunhas das integrantes do colectivo xa quedaron sen dereito a cobrar o paro e tiveron que comezar a asumir a cota de autónomas, malia non desenvolver unha actividade que lles proporcione ingresos. A situación afecta ás doce mulleres de Cedeira e Valdoviño que forman a agrupación de mariscadoras.

Segundo explicou a súa presidenta, Susana Bellón, o colectivo realizou xa varias sementeiras para tentar recuperar os bancos, pero os resultados foron desalentadores. Nin as ameixas nin os berberechos, que constituían o principal recurso das traballadoras, conseguiron prosperar.

Recuperar os Bancos e Garantir Ingresos

A principal demanda das mariscadoras é que se adopten as medidas necesarias para recuperar os bancos e asegurar o futuro do sector. Neste sentido, lembran que a ría de Cedeira está declarada Reserva Mariña de Interese Pesqueiro desde 2009, unha figura que debería garantir unha protección especial do espazo e dos seus recursos.

Ademais das actuacións para recuperar a produtividade, reclaman unha solución inmediata que lles permita manter a súa viabilidade económica mentres non poden volver traballar. Entre as posibilidades que propoñen figura a creación dun convenio ou outra fórmula que lles garanta ingresos a través da realización de traballos vinculados á recuperación dos bancos marisqueiros.

As partes acordaron volver reunirse o vindeiro 13 de novembro e esperan contar nese encontro coa participación da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, María de los Ángeles Vázquez Suárez, para trasladarlle a situación do colectivo e as súas reivindicacións.

Na reunión deste venres participaron os alcaldes de Cedeira e Valdoviño, Pablo Diego Moreda Gil e Alberto González Fernández; a primeira tenente de alcalde cedeiresa, María Xosé Pernas Díaz; a concelleira Carmela Prieto e o edil de Valdoviño Germán Gómez. Pola Confraría de Pescadores asistiron a vicepatroa segunda e presidenta das mariscadoras, Susana Bellón; a secretaria da agrupación, Raquel Ramos; a secretaria do pósito, María Rodríguez, e o biólogo Santiago Pereira.

0.17125201225281