Os talleres de estimulación cognitiva para maiores manteñen abertas as inscricións

FerrolXa
As actividades de memoria e 'Mentes activas' buscan reforzar as capacidades mentais e fomentar as relacións sociais
NEDA taller estimulacion cognitiva
16 Sep 2026

Os obradoiros municipais de estimulación cognitiva xa están en marcha e aínda é posible inscribirse nalgunhas das actividades dirixidas principalmente a persoas maiores de 65 anos.

As propostas forman parte do programa 'Nedactívate' e inclúen os obradoiros de memoria e 'Mentes activas', iniciativas deseñadas para manter activas as capacidades cognitivas das persoas participantes e favorecer, ao mesmo tempo, as relacións entre as persoas asistentes.

Obradoiros de memoria os luns

Os obradoiros de memoria traballan especialmente aspectos relacionados coa lectoescritura e desenvólvense todos os luns na Casa da Cultura.

A actividade organízase en dous grupos, un de 9.30 a 11.00 horas e outro de 11.00 a 12.30 horas. Actualmente quedan prazas dispoñibles no primeiro deles.

'Mentes activas', os mércores

O obradoiro 'Mentes activas' celébrase os mércores na Casilla do Puntal, de 16.00 a 17.30 horas, e tamén dispón aínda de prazas. Estas actividades teñen ademais entre os seus obxectivos contribuír a previr situacións de soidade e illamento, ofrecendo un espazo de encontro e participación para as persoas maiores.

As persoas interesadas poden formalizar a inscrición de maneira presencial no Centro Cívico de Neda, de luns a venres, entre as 9.30 e as 12.00 horas. O prazo permanecerá aberto ata completar as prazas dispoñibles.

0.11231589317322