Pantín convértese durante nove días no epicentro internacional do surf

A praia de Pantín, en Valdoviño, volverá situarse no mapa internacional do surf coa celebración, do 22 ao 30 de agosto, da 39ª edición do ABANCA Pantín Classic Galicia Pro. Preto de 250 deportistas participarán nunha cita que este ano dá un salto dentro do circuíto mundial ao incorporarse á categoría QS 6000 International da World Surf League (WSL).
Arredor do 80 % dos participantes procederán doutros países, reforzando o carácter internacional dun campionato que leva décadas vencellado á praia de Pantín. A nova categoría permitirá aos surfistas sumar puntos relevantes no Qualifying Series no seu camiño cara aos niveis superiores da competición internacional.
Pantín pasa así a formar parte do reducido grupo de cinco probas que contan con esta categoría, xunto coas de Matosinhos, en Portugal; Saquarema, en Brasil; Cloud9, en Filipinas; e Jinzun Harbor, en Taiwán.
A actividade comezará os días 22 e 23 de agosto con dúas xornadas dedicadas ao surf adaptado, unha das características distintivas do evento. O día 24 será a quenda dos Trials e Wildcards, mentres que a competición principal se disputará entre o 25 e o 30 de agosto.
O programa irá máis alá das probas sobre as ondas. Durante os nove días, o recinto acollerá unha competición e exhibicións de skate, actividades deportivas, propostas para familias, iniciativas de sensibilización ambiental e unha oferta gastronómica. A música terá tamén protagonismo a través do Pantín Sound, con actuacións repartidas ao longo de varias xornadas.
Na presentación da edición deste ano, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, destacou a capacidade deste tipo de competicións para vincular deporte y turismo e impulsar a proxección exterior do territorio. "Galicia constitúe un destino inmellorable para a práctica deportiva e para o turismo náutico e de natureza", sinalou.
Merelles lembrou ademais que Galicia conta con tres probas integradas na World Surf League: o ABANCA Pantín Classic, o Gadis Surf Festival Ferrol e o Junior Pro Razo.
Pola súa banda, o secretario xeral para o Deporte, Roberto García, puxo en valor a combinación de alto nivel competitivo, proxección internacional e inclusión. Sobre as xornadas de surf adaptado, destacou que permiten demostrar que "o deporte debe estar aberto a todas as persoas e que o talento, a capacidade de superación e o espírito competitivo non entenden de barreiras".
Ademais da súa vertente deportiva, a cita funciona como escaparate para Valdoviño e Ferrolterra. A presenza de deportistas internacionais e a repercusión do campionato permiten proxectar a praia de Pantín e a súa vinculación co surf, ao tempo que se promocionan os recursos naturais e turísticos da zona.