Portos de Galicia completa o reforzo do abrigo e a dragaxe no porto de Barallobre

FerrolXa
Ademais, comezaron os traballos para estabilizar os noiros que rodean a lonxa, mentres que a rehabilitación do acceso ao peirao está en fase de contratación
FENE villaverde visita barallobre
17 Nov 2026

O porto de Barallobre, en Fene, conta xa coas obras de reforzo do abrigo e de dragaxe rematadas. A conselleira do Mar, Marta Villaverde, e a presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, visitaron este martes as instalacións para comprobar o resultado das actuacións e informar ao sector pesqueiro dos traballos previstos na zona.

Durante o encontro co patrón maior da Confraría de Pescadores de Barallobre, Jorge López, Villaverde explicou que a última fase do reforzo do abrigo consistiu na instalación dun novo dique flotante con elementos de formigón para protexer a zona de atracada. A actuación foi necesaria tras o colapso da estrutura de contención das ondas, que quedara gravemente danada polos temporais do pasado inverno.

Os traballos, tramitados por procedemento de emerxencia polo risco que supuña para a frota con base no porto, contaron cun orzamento de 890.000 euros.

Dragaxe rematada e novos traballos arredor da lonxa

A visita serviu tamén para confirmar a finalización das obras de dragaxe, cun investimento de 140.000 euros. A intervención permitiu recuperar o calado ata a cota -2 na zona dos pantaláns e ata a cota -3 baixo o dique flotante e a barreira de protección das ondas.

No porto de Barallobre operan actualmente 110 embarcacións de terceira lista, dedicadas á pesca e ao marisqueo. A recuperación do calado permitirá mellorar as condicións de operatividade das instalacións portuarias.

Por outra banda, Portos de Galicia iniciou este luns os traballos preliminares para reforzar e conter os noiros situados arredor do edificio da lonxa. As obras, cun orzamento de 290.000 euros, desenvolveranse nos vindeiros días e incluirán a estabilización dos noiros lateral e posterior ao inmoble, aumentando o seu retranqueo con respecto á construción.

A intervención permitirá crear un espazo libre arredor da lonxa para facilitar a circulación de persoas e maquinaria lixeira, ademais de mellorar o illamento do edificio.

O acceso ao peirao, pendente de rehabilitación

Entre as actuacións previstas figura tamén a rehabilitación da estrutura do viario de acceso ao peirao. Segundo informou a conselleira, Portos de Galicia ten xa en contratación o proxecto, que conta cunha partida orzamentaria de 350.000 euros para os anos 2027 e 2028.

Durante a visita, Villaverde e o patrón maior achegáronse tamén á peixería da confraría, situada no propio edificio da lonxa e inaugurada o pasado mes de abril. A actuación contou co apoio da Consellería do Mar e foi cofinanciada nun 70 % polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa).

Esta intervención enmárcase no obxectivo de fomentar e valorizar os produtos de proximidade, así como de manter a tradición mariñeira e a calidade dos produtos do mar.

0.15756607055664