Protección Civil de Valdoviño abre unha campaña para incorporar novo voluntariado e garantir a remuda xeracional

A Agrupación Local de Protección Civil de Valdoviño puxo en marcha unha campaña para incorporar novos voluntarios e voluntarias co obxectivo de reforzar o seu equipo e garantir a remuda xeracional dentro do servizo.
Na actualidade, a agrupación está integrada por unha vintena de persoas, unha cifra que, segundo explica o seu presidente, Francisco Dopico, non sempre resulta suficiente para atender todos os operativos e dispositivos que se organizan ao longo do ano. Por iso, fai un chamamento á veciñanza para que dedique parte do seu tempo a un labor solidario en beneficio da comunidade.
Dopico, que acumula máis de corenta anos de experiencia como voluntario e é o integrante máis veterano da agrupación xunto a Andrés Rey, que leva preto de dúas décadas formando parte do servizo, subliña que o voluntariado ofrece unha grande satisfacción persoal e destaca a importancia de incorporar xente nova que poida tomar o relevo das persoas con máis traxectoria cando chegue o momento.
Para formar parte de Protección Civil de Valdoviño é necesario residir no municipio e ter cumpridos os 18 anos. As persoas interesadas deberán asinar o documento de incorporación e o compromiso de colaboración de forma altruísta e desinteresada. Posteriormente, terán que superar o curso básico para aspirantes que imparte de balde a Academia Galega de Seguridade Pública.
As persoas que desexen obter máis información ou formalizar a súa incorporación poden contactar directamente coa Agrupación Local de Protección Civil de Valdoviño a través do teléfono 639 10 76 71.