PSOE, BNG e Ferrol en Común piden explicacións polo atraso de obras en centros educativos de Ferrol

FerrolXa
Os grupos da oposición alertan da situación no IES Sofía Casanova, no CEIP Esteiro e do estado da contorna do CEIP Ángela Ruíz Robles a poucas semanas do inicio do curso
FERROL ies sofia casanova
8 Aug 2026

Os grupos municipais do PSOE, BNG e Ferrol en Común reclamaron explicacións ao Goberno local de Ferrol polo estado das obras previstas en varios centros educativos da cidade e polo mantemento das instalacións escolares cando falta apenas un mes para o inicio do curso.

Segundo trasladaron as tres formacións tras a Comisión Informativa de Educación e Universidade celebrada este xoves, manifestaron a súa preocupación pola evolución dos traballos no IES Sofía Casanova e no CEIP Esteiro, ademais de denunciar o estado da contorna do CEIP Ángela Ruíz Robles.

Respecto ao IES Sofía Casanova, lembran que a Xunta de Galicia anunciou a comezos de ano unha rehabilitación integral do edificio dentro do plan Ben_estar para mellorar a súa eficiencia enerxética e retirar o amianto da cuberta principal. Con todo, aseguran que a actuación deixa fóra outras zonas nas que tamén existe este material, como a cuberta da cafetería e as pasarelas de acceso, unha demanda que, segundo indican, foi formulada tanto pola ANPA como pola dirección do centro. Ademais, consideran que o avance das obras fai dubidar de que poidan estar rematadas antes do inicio das clases.

No caso do CEIP Esteiro, a oposición lembra que a Consellería de Educación prevé executar actuacións para mellorar a accesibilidade dun alumno con mobilidade reducida. Segundo indican, as obras aínda non comezaron, malia que desde o Concello se anunciara a finais de xuño un inicio inminente para que estivesen rematadas en setembro. Tamén sinalan que a construción dun baño adaptado non estaría incluída no proxecto inicial.

Os grupos municipais tamén dirixen as súas críticas ao Goberno local polo estado exterior do CEIP Ángela Ruíz Robles, cuxo mantemento corresponde ao Concello. Segundo denuncian, a presenza de vexetación en escaleiras e accesos transmite unha imaxe de abandono que, ao seu xuízo, non é compatible coas condicións que debe ofrecer un centro educativo.

PSOE, BNG e Ferrol en Común instan agora ao executivo municipal a informar sobre a situación das obras e das actuacións pendentes, co obxectivo de ofrecer respostas ás familias e garantir que o novo curso escolar poida comezar con normalidade.

0.088020086288452