PSOE, Ferrol en Común e BNG cuestionan que o Goberno local de Ferrol convoque a concentración do 2 de setembro

Ferrol en Común, o BNG e o Grupo Socialista queren aclarar que non é o Concello de Ferrol, como institución representativa do conxunto da cidadanía, quen apoia ou convoca a concentración prevista para o 2 de setembro na praza de Armas.
Segundo sinalan, a decisión de sumarse á convocatoria foi adoptada unilateralmente polo Goberno municipal do Partido Popular, sen consultar previamente cos grupos da oposición nin contar cun acordo do Pleno ou da Corporación municipal.
As tres formacións consideran, polo tanto, que quen se suma á convocatoria é o Goberno municipal do PP e non o Concello de Ferrol no seu conxunto.
O Grupo Socialista, Ferrol en Común e o BNG cualifican de "especialmente grave" que o Goberno de José Manuel Rey Varela empregue o nome, os medios e as canles oficiais do Concello para presentar como institucional e consensuada unha iniciativa que, ao seu xuízo, responde exclusivamente á estratexia política do Partido Popular.
"Estamos ante unha convocatoria coa que se busca a confrontación política. O apoio á cidadanía de Ceuta non pode utilizarse como escusa para alimentar a división nin para trasladar a Ferrol unha campaña partidista do PP", sinalan os tres grupos municipais.
As formacións da oposición tamén rexeitan que o Goberno local pretenda asumir a representación de toda a Corporación e falar en nome do Concello sen buscar previamente un acordo co resto das forzas políticas.
"A solidariedade con Ceuta merece responsabilidade, respecto e unidade institucional. Non pode converterse nun instrumento de confrontación nin empregarse para confundir deliberadamente a cidadanía", conclúen o Grupo Socialista, Ferrol en Común e o BNG.