Retiran máis de 21 toneladas de residuos de varios vertedoiros ilegais no rural de Ferrol

Máis de 21 toneladas de residuos foron retiradas en apenas tres días de varios vertedoiros incontrolados situados na parroquia de San Pedro de Leixa, unha actuación coa que o Concello de Ferrol volve poñer o foco no problema dos vertidos ilegais no rural.
A través da Concellería de Servizos e do servizo municipal de limpeza, entre os días 27 e 29 de xullo recolléronse un total de 21,34 toneladas de residuos de distinta natureza, entre os que había mobles, enseres domésticos, entullos, plásticos e materiais pétreos abandonados en diferentes puntos da zona.
O concelleiro de Servizos, José Tomé, fixo un chamamento á responsabilidade da cidadanía para evitar este tipo de prácticas, que, segundo lembrou, deterioran gravemente a contorna natural e poden derivar en sancións económicas para as persoas responsables. O edil insistiu na importancia de facer un uso correcto dos servizos municipais habilitados para a xestión deste tipo de residuos.
Neste sentido, recordou que o Concello ofrece un servizo gratuíto de recollida de enseres a domicilio, xestionado pola empresa concesionaria da limpeza, que pode solicitarse chamando ao teléfono 981 32 69 00.
Ademais, a veciñanza dispón do punto limpo municipal, situado na estrada de Catabois, onde poden depositarse residuos como restos de poda, pilas, aceites, pinturas, plásticos, metais, entullos, radiografías ou tubos fluorescentes, entre outros. As instalacións permanecen abertas de luns a venres en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 19.30 horas, mentres que os sábados abren de 10.00 a 13.00 horas.