San Sadurniño levará a pleno un novo proxecto para completar a renovación da iluminación pública

O Concello de San Sadurniño someterá á aprobación do pleno ordinario deste xoves 30 de xullo un novo proxecto para completar a modernización da rede de iluminación pública do municipio. A actuación, cun investimento de 77.547 euros financiado a través do POS Adicional da Deputación da Coruña, permitirá renovar as instalacións que quedaron fóra do plan principal de substitución por tecnoloxía led, adxudicado recentemente por 290.158 euros.
O proxecto contempla actuacións en seis treitos de iluminación repartidos entre as parroquias de Ferreira, Santa Mariña do Monte e Naraío. En concreto, renovaranse as instalacións da Chabola, en Ferreira; das zonas do Vilar e Golpilleira, en Santa Mariña; e da contorna do Pico, en Naraío.
En total substituiranse 159 luminarias, renovaranse 155 brazos de suxeición, instalaranse catro novos centros de mando e substituiranse diferentes tramos de cableado. O obxectivo é completar a modernización da rede de alumeado público nestes núcleos, mellorar a eficiencia enerxética e ofrecer unha iluminación de maior calidade.
Esta actuación servirá para completar o gran plan de renovación do alumeado público impulsado polo Concello, que permitirá cambiar 666 puntos de luz en boa parte do municipio. Ese contrato foi adxudicado provisionalmente á empresa Electricidad Permuy por 290.158 euros, case 97.000 euros por baixo do orzamento de licitación.
A actuación financiada polo Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) permitirá reducir arredor dun 70 % o consumo eléctrico da iluminación pública e xerar un aforro estimado duns 45.000 euros anuais na factura da luz. Ademais da substitución das luminarias por tecnoloxía led, o proxecto incorpora novos sistemas de telexestión, regulación automática da intensidade luminosa e a renovación de centros de mando e cableados.
Segundo explicou o alcalde, Secundino García Casal, algunhas zonas quedaron fóra dese contrato debido ás condicións da convocatoria estatal, que priorizaba aquelas actuacións con maior retorno económico derivado do aforro enerxético. Por este motivo, o Concello decidiu impulsar agora un proxecto complementario financiado con fondos provinciais para completar a modernización da rede.
Na sesión plenaria tamén se someterá a aprobación a proposta dos festivos locais de 2027, que volverán ser o Martes de Entroido, o 9 de febreiro, e Santa Isabel, o 2 de xullo. Como é habitual, a sesión rematará coa presentación de mocións e coa quenda de rogos e preguntas.