Sara Guerrero conquista a medalla de prata na Copa de Europa de tríatlon de Ibiza

O tríatlon galego volveu demostrar o seu excelente nivel no panorama internacional. Sara Guerrero, deportista do Náutico Narón, proclamouse subcampioa na Copa de Europa de tríatlon celebrada en Santa Eulària des Riu (Ibiza), tras completar unha brillante actuación que lle permitiu conquistar a medalla de prata.
A galega cruzou a liña de meta cun tempo de 57 minutos e 45 segundos, a 32 segundos da vencedora, a checa Heidi Juránková (57:13). Guerrero foi protagonista desde o comezo da competición, saíndo primeira da auga cun parcial de 9:28 e mantendo as súas opcións de podio durante o segmento ciclista. Finalmente, unha gran carreira a pé permitiulle asegurar a segunda posición. A española Cristina Jiménez-Orta completou o podio coa medalla de bronce.
O éxito de Sara enmárcase nunha destacada actuación da selección española, que pechou a cita ibicenca con catro medallas. Na categoría masculina, Xavi Cabanilles conseguiu o ouro e Genís Grau a prata, mentres que o podio feminino contou coas medallas de prata de Guerrero e bronce de Jiménez-Orta.
A representación galega tamén tivo protagonismo na categoría masculina. Esteban Basanta Fouz, do Tri Fluvial, asinou unha meritoria sexta posición cun tempo de 51:50, situándose entre os mellores da competición. Pola súa banda, Lucas García e Damián Suco, ambos do Club Deportivo Delikia, finalizaron nos postos 21 e 22, respectivamente.
Na categoría feminina, María Alzaga, do Náutico Narón, rematou na duodécima posición, mentres que Candela Sánchez non puido finalizar a proba.
A fin de semana internacional deixou tamén un bo resultado para Antonio Serrat. O triatleta galego conseguiu a sexta posición na Copa do Mundo de San Pedro de la Paz (Chile), nunha competición na que España tamén destacou, con Marta Pintanel conquistando o ouro e Ana Carballo a prata na categoría feminina.