Sete rutas levarán aos veciños de Ares por algúns dos paisaxes máis espectaculares de Galicia

O sendeirismo volverá ser protagonista en Ares cunha nova edición do SendAres, o programa municipal que entre outubro e maio ofrecerá sete rutas por diferentes espazos naturais de Galicia. A proposta combina percorridos polo propio municipio con saídas a enclaves de especial interese paisaxístico e ambiental.
A programación está pensada para persoas maiores de 12 anos e busca fomentar a actividade física ao aire libre, os hábitos de vida saudables e o coñecemento da contorna. As rutas terán diferentes niveis de dificultade e distancias de entre 9 e 16 quilómetros.
A primeira saída será o 25 de outubro, coa Senda dos Cerqueiros e o miradoiro da Carbueira, no Parque Natural das Fragas do Eume. O percorrido terá 12 quilómetros, un desnivel aproximado de 315 metros e dificultade media. A saída está prevista ás 8.30 horas, con regreso ás 14.30 horas. Haberá 25 prazas e o prezo será de 20 euros.
O calendario continuará o 15 de novembro coa ruta circular Ares-Cervás-Ares, de 11 quilómetros e dificultade baixa. O 17 de xaneiro será a quenda da circular Cervás-Chanteiro-Cervás, de 12 quilómetros, mentres que o 21 de febreiro o programa achegarase a Montefaro, con paso polo mosteiro de Santa Catarina e as baterías da Bailadora e Fonteseca.
De Aranga a Estaca de Bares
A primavera traerá tres novas propostas fóra de Ares. O 21 de marzo, o SendAres desprazarase ata o Val de Cambás, en Aranga, nun percorrido de 9 quilómetros que permitirá coñecer a Fervenza do Rego da Palanca, o Pozo de Castro Rodicio, antigos muíños e o miradoiro do Vieiro.
O 25 de abril chegará unha das rutas máis longas da programación, con 15 quilómetros entre O Barqueiro, Porto de Espasante e Estaca de Bares. O itinerario percorrerá parte deste litoral e rematará no contorno do faro de Estaca de Bares, considerado o punto máis setentrional da Península Ibérica.
A tempada pecharase o 23 de maio coa ruta dos Pinos da Costa, entre Razo e Malpica de Bergantiños, completando así as sete propostas previstas para esta edición.
As tres rutas pola contorna de Ares terán un prezo de 5 euros, mentres que as catro que implican desprazamentos fóra do municipio custarán 20 euros. Nas saídas que requiran transporte, os participantes desprazaranse en microbús desde os puntos establecidos previamente, tendo como referencia habitual a praza da Igrexa de Ares.
As inscricións comezan o 13 de outubro
As persoas interesadas en participar na primeira ruta poderán inscribirse a partir do martes 13 de outubro a través da web municipal. O prazo permanecerá aberto ata as 14.00 horas do 19 de outubro, ou ata completar as 25 prazas dispoñibles.
As inscricións deben realizarse para cada actividade por separado e as solicitudes serán rexistradas por orde de chegada. Unha vez rematado o prazo, elaborarase unha listaxe de participantes e outra de reserva para cubrir posibles baixas.
A organización lembra ademais que cada participante deberá levar o seu equipamento persoal, incluído o calzado e a roupa adecuados para a actividade deportiva.