Solicitan un pleno extraordinario en Cariño para abordar a situación do Servizo de Axuda no Fogar e da RPT

FerrolXa
O Grupo Municipal Socialista rexistrou a petición para debater tamén sobre a mesa de negociación da Relación de Postos de Traballo
CARIÑO casa concello
5 Aug 2026

O Grupo Municipal Socialista de Cariño rexistrou unha solicitude para a convocatoria dun pleno extraordinario co obxectivo de abordar a situación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e o estado da mesa de negociación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello.

A iniciativa foi presentada polo portavoz socialista, Jonathan Miranda Lucas, ao abeiro da normativa de réxime local que permite solicitar a celebración dunha sesión extraordinaria cando a petición está respaldada, como mínimo, por unha cuarta parte dos membros da corporación.

No escrito remitido á Alcaldía, os socialistas propoñen incluír na orde do día dous asuntos: a análise da situación actual do Servizo de Axuda no Fogar e o desenvolvemento da mesa de negociación da RPT municipal.

A formación considera necesario que ambos asuntos sexan tratados en sesión plenaria para coñecer a situación actual e favorecer o debate político sobre dúas cuestións que afectan tanto ao funcionamento dos servizos municipais como ás condicións laborais do persoal.

0.088638067245483