Soutogrande estrea novas melloras elixidas pola infancia de Moeche nos primeiros orzamentos participativos infantís

A Área Recreativa de Soutogrande segue incorporando novas melloras impulsadas a través dos primeiros orzamentos participativos infantís do Concello de Moeche. Nos últimos días xa se executaron varias das actuacións propostas pola rapazada do Consello Local da Infancia e da Adolescencia (CLIA), un órgano que permite aos máis novos participar de forma directa nas decisións municipais.
Entre as actuacións xa rematadas figura a preparación da zona de pedra, realizada a comezos do mes de xullo, así como a instalación de porterías por parte do persoal municipal durante a pasada semana. Ademais, acondicionáronse as redes dos xogos existentes e incorporouse un novo balancín, mellorando as posibilidades de lecer para nenos e nenas que utilizan este espazo ao longo do ano.
O Concello anunciou tamén que nas próximas semanas continuará coa instalación do resto do material adquirido, correspondente ás propostas aprobadas no pleno infantil celebrado o pasado mes de xuño, completando así os investimentos decididos pola propia rapazada.
Estas actuacións son froito dos primeiros orzamentos participativos infantís impulsados en Moeche, unha iniciativa que permitiu aos integrantes do CLIA presentar, defender e votar proxectos de mellora para distintos espazos públicos do municipio, contando cunha partida económica específica para facer realidade as propostas seleccionadas.
O Consello Local da Infancia e da Adolescencia constitúe unha das ferramentas de participación máis consolidadas do Concello. Creado no marco da adhesión de Moeche ao programa 'Cidade Amiga da Infancia' de UNICEF, este órgano ofrece ás nenas, nenos e adolescentes a oportunidade de trasladar as súas necesidades, opinións e iniciativas para mellorar o municipio, incorporando a súa visión ás políticas públicas locais.
A elección de Soutogrande como un dos espazos destinatarios destes investimentos non é casual. A área recreativa é un dos principais puntos de encontro do municipio, especialmente durante os meses de verán, cando a piscina municipal e o resto das instalacións reciben un elevado número de usuarios. As novas dotacións buscan ampliar as opcións de xogo e práctica deportiva, facendo do recinto un lugar máis atractivo e funcional para as familias.
Con estas actuacións, o Concello de Moeche reforza a súa aposta por unha participación infantil real, na que as propostas da mocidade non só se escoitan, senón que tamén se transforman en actuacións concretas que melloran os espazos públicos do municipio.