Tres novos programas ofrecen formación gratuíta para favorecer a autonomía das mulleres en Narón

As mulleres de Narón que buscan mellorar a súa formación, reforzar as súas posibilidades de acceso ao emprego ou avanzar na súa autonomía persoal terán desde este martes, 15 de setembro, unha nova oportunidade. O Concello abrirá o prazo para participar en tres programas de inclusión social que se desenvolverán entre outubro e xuño e que serán totalmente gratuítos.
As propostas están pensadas especialmente para mulleres que se atopan con maiores dificultades no ámbito laboral, social ou persoal. Para participar é necesario estar empadroada en Narón e ter entre 18 e 65 anos. As prazas serán limitadas e poderán solicitarse ata que se esgoten.
Unha das iniciativas será 'AVANZA TIC', centrada na preparación para o emprego e no manexo das novas tecnoloxías. As participantes aprenderán a utilizar ferramentas dixitais útiles na procura de traballo, ao tempo que traballarán cuestións relacionadas co autocoñecemento e o fortalecemento persoal. O programa contará con 12 prazas e desenvolverase no Centro de Formación Irmás Froilaz.
A segunda proposta, 'TI+', pon o foco no benestar, a igualdade e as competencias necesarias para o día a día. Está especialmente dirixida a mulleres en situación de vulnerabilidade, entre elas vítimas de violencia de xénero, responsables de familias, maiores de 45 anos sen cualificación, inmigrantes ou mulleres pertencentes a minorías étnicas. As sesións terán lugar na Casa da Mocidade e abordarán habilidades persoais, sanitarias, educativas e de ocio.
A oferta complétase con 'Volve á Clase', un programa pensado para persoas inmigrantes que queiran mellorar a súa alfabetización en galego e castelán, preparar as probas para obter a nacionalidade española ou acceder a ciclos formativos e á Escola Superior para Adultos. Haberá tres grupos e un total de 36 prazas, con horarios de mañá e tarde.
As solicitudes poderán presentarse desde este martes a través da sede electrónica do Concello, no Rexistro municipal ou polos medios previstos na normativa. Ademais, a Casa da Mocidade ofrecerá asesoramento presencial para realizar a inscrición entre o 15 e o 30 de setembro, de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas.
Desde o Concello destacan que o obxectivo destas iniciativas é facilitar ferramentas que permitan ás participantes gañar autonomía e superar barreiras no acceso á formación, ao emprego e á participación social.