Tres obradoiros ensinan a reparar e transformar roupa para darlle unha segunda vida

Aprender a coser, reparar prendas e aproveitar tecidos para crear novos obxectos son os obxectivos dun novo ciclo de obradoiros de costura creativa e upcycling téxtil que se desenvolverá este mes na Casa Rectoral de Ares.
A iniciativa busca achegar á veciñanza ferramentas prácticas para alongar a vida útil da roupa, evitando o seu desperdicio e fomentando hábitos de consumo máis sostibles. As persoas participantes poderán adquirir coñecementos básicos de costura e aprender diferentes técnicas para transformar e reutilizar prendas.
O programa inclúe tres sesións. A primeira, 'Primeiros pasos na costura', terá lugar o venres 16 de outubro, de 11.00 a 13.30 horas, e estará centrada nas nocións básicas para iniciarse nesta actividade.
O xoves 29 de outubro, de 11.00 a 13.30 horas, será a quenda de 'Aprende a reparar', un obradoiro pensado para coñecer recursos que permitan arranxar prendas e evitar que pequenos desperfectos sexan motivo para desfacerse delas.
Ese mesmo día, pola tarde, celebrarase a terceira actividade, 'Baixos e acabados', de 16.00 a 18.30 horas, tamén na Casa Rectoral.
O ciclo aposta pola economía circular a través dunha actividade que combina creatividade e sustentabilidade. A proposta pretende demostrar que reparar ou transformar unha peza pode ser unha alternativa á compra de roupa nova e contribuír á redución do consumo de recursos e da xeración de residuos téxtiles.
As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición mediante o formulario habilitado para a actividade. Os obradoiros están cofinanciados pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.