Última chamada para participar no debate sobre o futuro do galego en Ferrol

FerrolXa
O Concello impulsará un proceso de reflexión sobre a situación lingüística actual máis de 20 anos despois da aprobación do seu Plan de Normalización Lingüística, con encontros sobre ensino, deporte, cultura, economía e medios de comunicación
FERROL concello pola noite
26 Oct 2026

O uso social do galego centrará un proceso de reflexión impulsado polo Concello para avaliar a situación lingüística actual e definir novos retos para a súa normalización. A iniciativa inclúe cinco mesas de traballo sectoriais nas que participarán entidades asociativas vinculadas a diferentes ámbitos da vida municipal.

A convocatoria chega máis de dúas décadas despois de que Ferrol aprobase, en 2003, un Plan de Normalización Lingüística, unha iniciativa pioneira no ámbito municipal galego. A Concellería de Educación, Universidade e Política Lingüística considera necesario revisar os avances acadados desde entón, identificar as dificultades existentes e formular propostas para ampliar os espazos de uso do galego.

As sesións desenvolveranse nas instalacións municipais e terán unha duración máxima de dúas horas. O calendario previsto inclúe encontros sobre ensino e mocidade o 28 de outubro, de 17.30 a 19.30 horas; deporte o 29 de outubro, de 10.00 a 12.00 horas; o ámbito sociocultural o 3 de novembro, de 17.30 a 19.30 horas; o sector socioeconómico o 4 de novembro, de 17.30 a 19.30 horas; e os medios de comunicación o 5 de novembro, de 10.00 a 12.00 horas.

As entidades sociais, chamadas a participar

O Concello busca implicar as asociacións e entidades sociais neste proceso para aproveitar o seu coñecemento da realidade local e identificar necesidades, oportunidades e medidas que permitan reforzar a presenza do galego na cidade.

A intención é que cada organización participe na mesa máis relacionada co seu ámbito de actuación e contribúa á elaboración de propostas adaptadas ás necesidades actuais do municipio.

As entidades interesadas deberán confirmar a súa asistencia mediante o formulario habilitado polo Concello. O prazo indicado na convocatoria remata o 27 de outubro.

Para resolver dúbidas ou solicitar máis información, as persoas interesadas poden contactar co equipo responsable a través do correo electrónico info@rexenerando.com ou do teléfono 690 831 739.

0.18456792831421