Último día para inscribirse na VII Carreira e Andaina contra a Violencia Machista de Ferrol

Este xoves, 19 de novembro, remata o prazo de inscrición para participar na VII Carreira e Andaina contra a Violencia Machista de Ferrol, que se celebrará este domingo 22 de novembro a partir das 11.00 horas. A iniciativa busca reunir a cidadanía nunha xornada deportiva e reivindicativa para amosar o rexeitamento á violencia machista.
As inscricións son gratuítas e poden formalizarse ata as 22.00 horas deste xoves a través da páxina web Carreiras Galegas. A convocatoria inclúe categorías masculinas e femininas para diferentes grupos de idade, ademais dunha andaina na que poden participar persoas de todas as idades.
Recollida de dorsais
As persoas que realizaron a súa inscrición ata o martes 17 de novembro poderán recoller os seus dorsais este xoves 19 ou o venres 20 na Casa da Muller, en horario de 10.00 a 14.00 horas.
Para quen se inscriba posteriormente, a entrega realizarase o mesmo domingo 22, a partir das 9.00 horas, no palco da música do Cantón de Molíns.
A convocatoria enmárcase nas actividades de sensibilización con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se conmemora o 25 de novembro, e pretende converter o deporte nun espazo de participación e compromiso contra as violencias machistas.