Un bus lanzadeira facilitará o acceso ao monte de Ancos para ver a eclipse solar total

O Concello de Neda habilitará este mércores, 12 de agosto, un servizo especial de bus lanzadeira para facilitar o acceso da veciñanza ao monte de Ancos durante a eclipse solar total. Os vehículos particulares non poderán subir ata o cumio, xa que a Policía Local e Protección Civil controlarán e pecharán os distintos accesos para evitar problemas de tráfico nas estreitas vías que conducen ata o miradoiro.
O autobús comezará a funcionar ás 17.00 horas desde o aparcadoiro do IES Fernando Esquío. Os traxectos de subida realizaranse de maneira sucesiva, a medida que o vehículo vaia completando a súa capacidade, e o último servizo de ascenso está previsto para as 19.00 horas.
As persoas maiores terán prioridade no acceso ao bus, ao considerar o Concello que poden ter máis dificultades para realizar a pé o percorrido ata o alto de Ancos.
Aquelas persoas que se acheguen a última hora e non consigan praza no autobús tamén terán alternativas para contemplar o fenómeno astronómico. O Concello recomenda a contorna do albergue e o campo dos Subarreiros como puntos habilitados para seguir a eclipse.
Unha vez rematada a fase de totalidade, comezará o servizo de regreso. As viaxes de baixada iniciaranse a partir das 21.00 horas e o autobús irá trasladando as persoas de volta de forma progresiva, segundo se vaia completando a súa capacidade.
Recomendacións para observar a eclipse con seguridade
O Concello de Neda lembra que será imprescindible empregar gafas especiais para eclipses que estean homologadas segundo a norma ISO 12312-2:2015 e conten co correspondente marcado CE. Estes protectores deberán utilizarse durante todas as fases da observación para reducir o risco de lesións oculares.
Tamén se recomenda realizar a observación en intervalos breves, facendo descansos para evitar unha exposición prolongada da vista. Ademais, ante as previsibles horas de espera ao aire libre, a administración local aconsella levar auga, gorro e protección solar.
Deste xeito, Neda prepara un dispositivo especial para facilitar que a veciñanza poida gozar da eclipse desde un dos puntos con mellores vistas sobre a ría de Ferrol, ao tempo que se garante a seguridade e se evita a saturación dos accesos ao monte de Ancos.