Un centro de maiores e máis FP, entre as demandas de Narón á Xunta para 2027

O Concello de Narón reclamará á Xunta de Galicia que incremente os investimentos destinados á cidade nos orzamentos autonómicos de 2027. A petición aprobouse no pleno celebrado este luns a través dunha moción presentada por Terra Galega (TEGA), que contou co respaldo do BNG e do PSOE. Os representantes do PP abstivéronse.
A iniciativa recolle varias actuacións que o goberno local considera prioritarias para o municipio e para as que solicita financiamento autonómico. Entre elas figura a construción dun centro integrado para persoas maiores, unha infraestrutura destinada a ampliar os recursos de atención a este colectivo.
En materia educativa, o Concello reclama melloras no estado dos centros públicos de ensino de Narón e a posta en marcha dun centro integrado de Formación Profesional. A proposta expón que este novo espazo ofreza familias profesionais que actualmente non se imparten na zona, co obxectivo de ampliar as opcións formativas dispoñibles para a poboación.
As demandas tamén inclúen actuacións de mellora nas estradas do municipio e que a Xunta asuma a xestión das escolas infantís municipais. Trátase, segundo recolle a moción, de necesidades que o Concello volve trasladar ao Goberno galego de cara á elaboración das contas autonómicas do próximo exercicio.
Con esta iniciativa, Narón busca que os orzamentos de 2027 incorporen partidas específicas para responder a estas demandas en ámbitos como os servizos sociais, a educación e as infraestruturas.