Un corte de auga afectará ao casco urbano e varias zonas de Ares o vindeiro mércores

A subministración de auga interromperase o vindeiro mércores, 25 de novembro, en varias zonas do municipio debido aos traballos de conexión da nova tubaxe xeral de abastecemento, recentemente executada. O corte comezará ás 21.00 horas e manterase ata a finalización das actuacións.
A interrupción afectará a todo o casco urbano, así como ás zonas de Besoxo e Pedrós. Tamén se verán afectados a avenida de Redes, ata o seu cruzamento coa rúa Rodríguez Castelao, e a avenida de Franza.
O Concello informou desta actuación a través dun bando municipal, no que solicita comprensión aos veciños polas molestias que poidan ocasionar os traballos e agradece a súa colaboración durante o desenvolvemento da intervención.
A actuación permitirá conectar a nova tubaxe xeral de abastecemento, unha infraestrutura que require a interrupción temporal do servizo nas zonas afectadas.