Un curso gratuíto axudará ás persoas maiores de Neda a previr accidentes no fogar

FerrolXa
A formación incluirá primeiros auxilios, prevención de intoxicacións, manexo de medicamentos e pautas para actuar ante emerxencias
NEDA maiores
23 Sep 2026

Previr accidentes domésticos e saber como reaccionar ante unha situación de emerxencia son os obxectivos do novo curso gratuíto que se impartirá en diferentes puntos de Neda especialmente dirixido ás persoas maiores.

O Concello abriu xa o prazo de inscrición para esta formación, que se desenvolverá entre mediados de outubro e mediados de novembro coa colaboración da Deputación da Coruña. A proposta contará con oito sesións en cada un dos espazos nos que se organizarán os grupos.

Ao longo do curso, os participantes aprenderán a identificar os principais riscos que poden existir nunha vivenda e recibirán recomendacións para facer os seus fogares máis seguros. A formación tamén abordará cuestións relacionadas cos primeiros auxilios básicos, o manexo dos medicamentos, a prevención de intoxicacións e a elaboración dun plan familiar para actuar ante posibles emerxencias.

Catro puntos de formación no municipio

O Concello prevé organizar inicialmente ata catro grupos en diferentes localizacións para facilitar a participación da veciñanza.

As sesións dos luns e mércores desenvolveranse no local social de Anca, entre as 16.00 e as 17.45 horas, e no Roxal, de 18.00 a 19.45 horas.

Pola súa banda, os martes e xoves será a quenda da Casilla do Puntal, de 16.00 a 17.45 horas, e do centro cívico de Neda, de 18.00 a 19.45 horas.

A iniciativa busca especialmente reducir os riscos aos que se poden enfrontar as persoas maiores no seu día a día e ofrecerlles ferramentas sinxelas para actuar ante posibles incidentes.

As prazas son limitadas e as persoas interesadas deben inscribirse canto antes na Casa do Concello ou a través do teléfono 981 380 039.

0.12758016586304