Un dispositivo especial de tráfico regulará os accesos ao cemiterio de Catabois polo Día de Todos os Santos

A contorna do cemiterio municipal de Catabois contará cun dispositivo especial de tráfico con motivo das celebracións do Día de Todos os Santos e Defuntos. O Concello aplicará desde este venres 30 de outubro e ata a tarde do luns 2 de novembro unha serie de restricións de estacionamento e modificacións na circulación para facilitar os desprazamentos ao camposanto e manter a fluidez do tráfico nunha das principais vías da cidade.
Unha das principais medidas será a prohibición de estacionar na estrada de Catabois, no tramo comprendido entre a glorieta de acceso á FE-13, que conecta co hospital Arquitecto Marcide, e a entrada ao cemiterio. A retirada dos vehículos estacionados permitirá aproveitar toda a calzada e habilitar un carril central de xiro, co obxectivo de facilitar os movementos de entrada e saída e evitar que as visitas ao camposanto provoquen problemas de circulación.
O dispositivo tamén afectará ás vías próximas que permiten saír da explanada do recinto. Nelas, o estacionamento quedará limitado a unha soa marxe e establecerase a circulación nun único sentido. Os cambios aplicaranse á pista da parcelaria procedente da zona de Mandiá, en dirección á estrada de Catabois, e ao camiño da Pega, en dirección ao hospital Naval.
A aplicación destas medidas será flexible e dependerá da afluencia de vehículos e peóns en cada momento. A Policía Local encargarase de supervisar a situación e decidir cando resulta necesario activar ou adaptar as restricións para responder ás necesidades do tráfico.
Máis de 1.800 crisantemos na contorna do cemiterio
O dispositivo especial acompáñase de traballos de acondicionamento do cemiterio municipal realizados pola Concellería de Servizos e Medio Ambiente. Entre as actuacións destaca a plantación de máis de 1.800 crisantemos na rotonda e nas medianas da estrada de Catabois, co obxectivo de mellorar a imaxe desta contorna durante unhas datas nas que aumenta a afluencia de visitantes.
Ademais, renovouse a sinalización das prazas de estacionamento do propio cemiterio para facilitar a súa identificación e organización. Estas intervencións completan as medidas previstas para preparar as instalacións e os accesos de cara ás xornadas de maior movemento nos camposantos.