Un estudo en Valdoviño alerta da desigualdade nos coidados e das violencias machistas invisibles

FerrolXa
O diagnóstico do Observatorio Comunitario de Igualdade revela que só o 17% das familias considera que mulleres e homes teñen as mesmas oportunidades e que elas asumen en exclusiva a organización familiar no 60% dos casos
VALDOVIÑO igualdade ocivix
27 Nov 2026

O Observatorio Comunitario de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero de Valdoviño (OCIVIX) presentou os resultados do seu primeiro estudo diagnóstico, un traballo de campo desenvolvido ao longo do pasado curso para analizar as desigualdades entre mulleres e homes e detectar formas de violencia machista que adoitan pasar desapercibidas. O informe, presentado este venres polo Concello, servirá de base para planificar novas medidas de prevención e avanzar cara a unha igualdade efectiva.

O estudo combina análise documental, cuestionarios a familias e entidades locais, entrevistas a profesionais, coloquios grupais e observación directa en centros educativos, servizos e espazos públicos. Na súa elaboración participaron o alcalde, Alberto González; a técnica de Servizos Sociais Iria Rodríguez e a técnica superior en Promoción da Igualdade de Xénero Sonia Fernández, responsable do traballo.

Entre os datos recollidos destaca que o 98% das familias considera necesario educar en igualdade desde a infancia e que o 86% identifica a violencia de xénero como un problema social. Porén, só o 17% cre que mulleres e homes contan actualmente coas mesmas oportunidades. Ademais, o 71% considera que as desigualdades están máis normalizadas no medio rural.

O reparto dos coidados e das tarefas domésticas é un dos ámbitos nos que o informe detecta maiores desequilibrios. O 90% das respostas aos cuestionarios das familias foron realizadas por mulleres. En canto á organización da vida familiar, esta recae exclusivamente nelas no 60% dos casos, fronte ao 9% nos que corresponde unicamente aos homes. O resto repártese entre fórmulas de corresponsabilidade e a participación doutras persoas.

A carga de traballo tamén se reflicte no tempo dedicado ás tarefas domésticas: a metade das mulleres que responderon afirma investir máis de seis horas diarias nelas, ás que se suman as responsabilidades de coidado. O documento apunta así á persistencia dunha segunda xornada que segue recaendo principalmente sobre as mulleres.

Menor presenza feminina nos espazos de decisión

As desigualdades tamén aparecen no ámbito deportivo. Aínda que as mulleres representan o 38% das persoas socias das entidades analizadas, a súa presenza descende ata o 11% nas xuntas directivas, o que reflicte unha menor participación a medida que aumenta o poder de decisión.

O diagnóstico recolle tamén unha percepción de menor seguridade das mulleres nos espazos públicos. Sinala ademais que a planificación destes lugares non ten suficientemente en conta, segundo as persoas participantes, as necesidades das mulleres, da infancia e das persoas maiores. A isto súmase o illamento e a fenda dixital que afectan ás mulleres maiores, que demandan especialmente espazos de encontro durante os meses de inverno.

Outro dos aspectos destacados é a invisibilidade das formas de violencia que non deixan marcas físicas. Segundo o informe, os casos que chegan ao sistema identifícanse como violencia física e ameazas, sen que consten rexistros de violencia psicolóxica, sexual, económica ou vicaria. Nos coloquios, ademais, a violencia relacionouse unicamente coas agresións físicas, o que evidencia a necesidade de ampliar o seu recoñecemento social.

O OCIVIX enmárcase nas liñas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero relacionadas coa recompilación de datos, a sensibilización e a prevención, a resposta institucional, a coordinación entre servizos e o fortalecemento das capacidades do persoal municipal. O traballo, desenvolvido ata o 30 de xuño, presentouse dentro da programación 'Somos e Contamos', organizada polo Concello con motivo do Día Internacional para a Eliminación das Violencias Machistas.

0.10944080352783