Un minuto de silencio e novas iniciativas contra a violencia machista en Valdoviño

FerrolXa
O acto institucional terá lugar este mércores ás 12.00 horas diante da casa consistorial e forma parte do programa 'Somos e contamos', que inclúe obradoiros, unha nova rede de apoio para mulleres e a presentación dos resultados do OCIVIX
VALDOVIÑO chapas 25n
24 Nov 2026

O Concello de Valdoviño celebrará este mércores, 25 de novembro, un acto institucional con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. A convocatoria terá lugar ás 12.00 horas diante da casa consistorial, onde se dará lectura á declaración institucional aprobada por unanimidade no último pleno municipal e se gardará un minuto de silencio en memoria das vítimas.

Durante o encontro tamén comezará o reparto de chapas con mensaxes de sensibilización e apoio á igualdade, con lemas como 'Eu non son esa que ti imaxinas', 'E a culpa non era miña nin onde estaba nin como vestía' ou 'Eu son aliado contra a violencia de xénero'.

A iniciativa enmárcase no programa municipal 'Somos e contamos', que continuará durante os vindeiros días con distintas actividades de prevención e sensibilización. Este xoves, 26 de novembro, o CPI Atios acollerá o obradoiro 'De Fronte ás violencias machistas dixitais', dirixido ao alumnado de cuarto da ESO. A sesión abordará as violencias machistas no ámbito dixital e estará guiada polo Observatorio Comunitario de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero no ámbito rural (OCIVIX). O Concello prevé organizar unha segunda sesión proximamente.

'Irmandiñas', unha nova rede de apoio para mulleres

Tamén o xoves comezará en Loira 'Irmandiñas', unha nova rede de apoio e participación para mulleres impulsada no marco desta programación. A adhesión está aberta a todas as interesadas, que poden contactar co departamento municipal de Servizos Sociais, situado na planta baixa da casa consistorial, ou chamar ao 981 48 70 41, extensión 5.

Por outra banda, o venres ás 11.00 horas presentaranse no salón de plenos os resultados do traballo de campo realizado polo OCIVIX durante o pasado curso. Esta análise servirá de base para deseñar novas medidas municipais en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero no ámbito rural. O acto estará aberto á veciñanza.

A programación inclúe tamén o despregamento dunha pancarta conmemorativa na fachada do Concello e a última xornada para visitar a exposición 'Educación en feminino: un paseo pola historia', elaborada polo alumnado da Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela. Poderá visitarse este mércores na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura, de 11.00 a 13.00 e de 17.00 a 19.00 horas.

O programa 'Somos e contamos' conta con financiamento do Ministerio de Igualdade a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

0.11814308166504