Un novo aparcadoiro permitirá mellorar o acceso á pista polideportiva do Roxal

FerrolXa
A actuación, cun investimento de 32.200 euros, permitirá acondicionar uns 2.000 metros cadrados e renovar o deteriorado peche das instalacións
NEDA aparcamento pista do roxal
17 Sep 2026

O Concello de Neda mellorará a área de estacionamento situada xunto á pista polideportiva do Roxal, un espazo habilitado hai aproximadamente cinco anos que actualmente conta cunha superficie de grava natural compactada.

A actuación permitirá dotar o aparcadoiro dun pavimento axeitado para o seu uso durante todo o ano, especialmente durante os meses de inverno e nas xornadas de choiva. Os traballos financiaranse con cargo ao POS+ adicional 2/2026 da Deputación da Coruña.

Un aparcadoiro duns 2.000 metros cadrados

O proxecto contempla a aplicación de aglomerado en quente nunha parte da parcela, que conta cunha superficie aproximada de 2.000 metros cadrados.

Tamén se procederá ao marcado das prazas de estacionamento, co obxectivo de aproveitar mellor o espazo dispoñible e facilitar o seu uso tanto ás persoas que acoden ás instalacións deportivas como ao resto da veciñanza.

A intervención permitirá mellorar as condicións do aparcadoiro e facilitar o seu uso durante todo o ano.

Tamén se renovará o peche da pista

A actuación incluirá ademais a renovación do peche situado na contorna da pista polideportiva. En concreto, substituirase a actual rede metálica deteriorada que separa a zona de acceso ao terreo de xogo e ao bar da instalación da propiedade lindeira.

No seu lugar construirase un muro con valado metálico, co obxectivo de mellorar este espazo. O proxecto foi aprobado por unanimidade polo pleno municipal e suporá un investimento aproximado de 32.200 euros.

 

0.11063599586487