Un novo parque infantil máis grande e con xogos inspirados nun barco pirata chegará Cedeira

O parque infantil de Floreal, en Cedeira, prepárase para renovar a súa imaxe e gañar espazo para o xogo. O Concello sacou a concurso as obras de reforma e ampliación deste recinto, situado nunha praza frecuentada pola veciñanza, cun orzamento de 77.920,06 euros, IVE incluído. A actuación financiarase integramente con fondos do programa provincial POS+2026.
A intervención permitirá ampliar a superficie do parque dos 124 metros cadrados actuais ata os 201 e incorporar novos elementos pensados para fomentar o xogo e a actividade física. Entre as principais novidades destaca unha estrutura para gabear que reproducirá unha torre de vixilancia dun barco pirata, así como un conxunto de xogos que simulará a proa e a popa dunha embarcación, conectadas por unha escada horizontal.
O novo equipamento incluirá tamén randeeiras a distintas alturas, unha con dous asentos, un deles adaptado para bebés, e un balancín apto para nenos e nenas con mobilidade reducida. O proxecto contempla conservar os xogos que xa existen, como o tobogán, a randeeira, os dous balancíns e a mesa de picnic, que serán retirados temporalmente para volver instalalos.
A reforma non se limitará aos elementos de xogo. Os traballos tamén inclúen a renovación do pavimento e a retirada da balaustrada de formigón situada xunto ao recinto. Aproveitarase o cerramento metálico que o Concello instalou en 2022, que se ampliará para adaptalo ás novas dimensións do parque.
Todos os elementos deberán contar coa correspondente certificación dunha empresa homologada, incluídos os equipamentos actuais que se volvan colocar.
Continúa a renovación dos parques infantís
Esta actuación súmase ás obras de renovación dos dous parques infantís da zona de San Isidro, rematadas este verán cun investimento próximo aos 247.000 euros.
Coa ampliación de Floreal, o Concello prevé aumentar a superficie dispoñible para o lecer infantil e incorporar equipamentos con distintas posibilidades de uso, incluíndo opcións para os máis pequenos e para nenos e nenas con mobilidade reducida.