Un novo programa en Viladonelle busca combater a soidade non desexada entre as persoas maiores

O Concello de Neda porá en marcha este xoves, 5 de novembro, en Viladonelle o programa 'Tecendo comunidade', unha iniciativa gratuíta de dinamización sociocomunitaria que busca fomentar as relacións veciñais e previr situacións de soidade non desexada no rural. A actividade colle o testemuño de 'Aloumiños' e está dirixida a persoas maiores de 60 anos.
As sesións celebraranse todos os xoves, de 10.30 a 11.30 horas, no local social de Viladonelle. A través destes encontros semanais, o programa pretende favorecer a participación das persoas maiores na vida cotiá da parroquia, reforzar o seu sentimento de pertenza e crear vínculos veciñais que poidan manterse máis alá do horario das actividades.
A iniciativa estará guiada por unha educadora social e incluirá dinámicas de grupo para que as persoas participantes compartan coñecementos, experiencias e historias da contorna. Cada xornada terá unha temática diferente, adaptada aos intereses das persoas asistentes.
Ata o mes de xuño organizaranse propostas de envellecemento activo como faladoiros, actividades plásticas, xogos tradicionais e paseos saudables. O obxectivo é estimular as capacidades cognitivas das persoas participantes e favorecer que manteñan unha vida social activa.
O programa ofrecerá inicialmente 15 prazas. As persoas interesadas en participar poden inscribirse chamando á Casa do Concello de Neda, no teléfono 981 380 039. A actividade desenvolverase no local social de Viladonelle ata o verán.