Un programa de obradoiros busca mellorar a convivencia escolar e previr o acoso nas aulas de Cedeira

O Concello puxo en marcha un programa de obradoiros para mellorar a convivencia escolar nos centros educativos de Cedeira. As sesións xa se están desenvolvendo no CEIP Nicolás del Río e posteriormente chegarán ao alumnado dos distintos niveis do IES Punta Candieira.
A psicóloga Andrea Bechlian é a encargada de impartir esta formación, adaptada a cada curso. O obxectivo é proporcionar ao alumnado ferramentas para comprender e xestionar as súas emocións, comunicarse de maneira respectuosa e resolver os conflitos que poidan xurdir no día a día.
O programa, denominado 'Convivir', aposta por unha metodoloxía participativa, lúdica e experiencial. Para traballar as distintas habilidades, utilízanse contos, xogos cooperativos, dinámicas de reflexión, análise de situacións cotiás e representacións guiadas nas que os escolares poden poñer en práctica o aprendido.
Con esta iniciativa, o Concello busca favorecer unha convivencia positiva nos centros educativos e contribuír a previr posibles situacións de acoso escolar.
Sesións adaptadas a cada etapa educativa
A duración das actividades varía en función da etapa e do nivel educativo. En Educación Primaria, o programa contempla catro horas de formación para cada aula, distribuídas en obradoiros de dúas horas. En Infantil, as sesións teñen unha duración total dunha hora.
O desenvolvemento dos obradoiros realízase en coordinación co profesorado dos centros, co fin de adaptar as actividades ás características e necesidades de cada grupo.