Un programa para familias de Fene e Neda abordará a prevención das adiccións desde o xogo

As familias de Fene e Neda poderán participar a partir do vindeiro luns, 16 de novembro, nun programa de prevención de condutas aditivas impulsado conxuntamente por ambos os concellos. A iniciativa, subvencionada pola Consellería de Sanidade, busca ofrecer ferramentas e información para favorecer hábitos de vida saudables, promover decisións responsables e evitar o desenvolvemento de comportamentos de risco desde o ámbito familiar e comunitario.
O proxecto inclúe o programa 'Máis que un teito', que complementa os obradoiros preventivos que xa se están a desenvolver nas aulas co alumnado da zona. A proposta pretende implicar tamén as familias na educación e na prevención, incorporando de maneira transversal a perspectiva de igualdade de xénero.
A primeira sesión terá lugar o luns 16 de novembro, de 18:00 a 20:00 horas, na Casa da Cultura de Fene. Baixo o título 'O xogo como actitude de vida', a formación será impartida por Lucía Fraguela Martínez, docente especializada en xogo e xerente de O Muiño do Fabal. A xornada terá un formato participativo, no que as persoas asistentes poderán compartir opinións, resolver dúbidas e coñecer estratexias para acompañar as súas fillas e fillos.
A sesión tamén reservará un espazo específico para abordar como se traballa esta temática cos menores desde o papel das familias como formadoras do Plan Director. O programa está aberto a representantes das ANPAS, entidades sociais e familias dos dous municipios.
A participación estará limitada a 30 persoas, que serán admitidas por rigorosa orde de inscrición. Ademais, para facilitar a asistencia, habilitarase un servizo gratuíto de conciliación con monitorado especializado para atender as crianzas mentres se desenvolve a formación. A solicitude deste recurso poderá realizarse ata o propio luns 16 de novembro.
As inscricións permanecerán abertas ata esa mesma data e deberán tramitarse a través do correo electrónico servizos.sociais@fene.gal, achegando a ficha cuberta, ou nos teléfonos 981 34 26 07 e 981 49 27 06. Para obter máis información, as persoas interesadas poden dirixirse ao Centro Municipal de Servizos Sociais de Fene, situado na avenida do Mar, bloque 1, baixo, en San Valentín.