Unha antiga nave conservera do porto de Cariño convertirase nun museo adicado a esta tradición

FerrolXa
O Concello e Portos de Galicia acordaron formalizar un convenio para ceder o edificio, que precisa dunha rehabilitación para recuperar o seu uso cultural e evitar o seu deterioro
CARIÑO xunta museo conserva
20 Nov 2026

O proxecto para crear un Museo da Conserva en Cariño continúa avanzando na súa tramitación. O Concello e Portos de Galicia acordaron este venres formalizar un convenio de colaboración que permitirá articular a cesión dunha das antigas naves conserveiras do porto para destinala a este novo espazo museístico.

A proposta, previamente consensuada entre ambas as administracións, foi abordada nunha reunión celebrada na sede de Portos de Galicia en Santiago de Compostela, na que participaron a presidenta do organismo portuario, Natalia Botana, e a alcaldesa de Cariño, Ana María López.

O acordo permitirá establecer a fórmula xurídica necesaria para ceder o edificio, situado en dominio público portuario, e avanzar na súa recuperación para unha actividade cultural vinculada á historia e á tradición conserveira da vila.

Durante o encontro, Portos de Galicia trasladou tamén ao Concello a documentación sectorial necesaria para poder acometer a rehabilitación da nave. Ambas as administracións coincidiron na importancia de iniciar canto antes os trámites para executar as obras de recuperación e mellora da edificación.

O inmoble atópase actualmente en estado de abandono e presenta danos na cuberta, unha situación que fai necesario actuar para evitar que o edificio poida chegar a colapsar.

A futura instalación museística pretende poñer en valor a tradición conserveira de Cariño, unha actividade estreitamente ligada á historia económica, social e portuaria da localidade. O proxecto busca recuperar así parte do patrimonio marítimo inmaterial da vila e contribuír á súa conservación e difusión.

0.1749439239502