Unha campaña de limpeza e mantemento percorrerá as oito parroquias de Fene

O Concello está desenvolvendo unha nova campaña de limpeza, acondicionamento e mantemento nas oito parroquias do municipio. Os traballos, iniciados en Limodre, continuarán progresivamente polo resto do termo municipal e buscan mellorar o estado das vías e das infraestruturas de drenaxe, especialmente de cara á época de choivas.
O dispositivo inclúe a limpeza de cunetas, rexistros e elementos da rede de recollida de augas pluviais, así como a retirada de terra, vexetación, follas e outros restos que poden dificultar a circulación da auga. As tarefas realízanse mediante maquinaria, entre ela retroescavadora e camión, para retirar os materiais acumulados e manter despexados os sistemas de drenaxe.
A alcaldesa, Sandra Permuy, explicou que se trata dunha campaña organizada para percorrer progresivamente as parroquias e atender diferentes necesidades de conservación nun mesmo dispositivo. Segundo indicou, as intervencións permiten revisar sobre o terreo o estado das cunetas, dos sistemas de recollida de pluviais e das vías, así como identificar incidencias que requiran actuacións posteriores.
Revisión do mobiliario urbano
Ademais das tarefas de limpeza viaria e acondicionamento dos espazos públicos, o persoal municipal está revisando diferentes elementos do mobiliario urbano, entre eles bancos, papeleiras, soportes de colectores de lixo e outros equipamentos.
O concelleiro de Servizos, Adán Chao, destacou a importancia de manter limpos os elementos de drenaxe nesta época do ano, xa que a acumulación de terra, follas ou vexetación pode reducir a súa capacidade e dificultar a evacuación da auga durante os episodios de choiva.
A campaña permitirá tamén detectar elementos deteriorados ou que precisen reparación ou substitución. As incidencias identificadas durante os percorridos quedarán rexistradas para programar as intervencións correspondentes, segundo explicou o responsable municipal.
O dispositivo continuará nas próximas semanas polas distintas parroquias, dentro das tarefas ordinarias de conservación e mantemento das infraestruturas e dos espazos públicos municipais.