Unha charla do 25N en Ortigueira abordará como detectar a violencia de xénero na infancia e na adolescencia

FerrolXa
A Biblioteca municipal acollerá o 25 de novembro un encontro con dúas especialistas que analizarán os sinais de alerta e as consecuencias da exposición dos menores á violencia machista
25n xenérico
19 Nov 2026

A detección da violencia de xénero na adolescencia e o impacto que esta ten na infancia centrarán a charla-coloquio organizada con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A actividade celebrarase ás 17.00 horas na Biblioteca municipal de Ortigueira e leva por título 'Poden estar as nosas fillas e fillos nunha situación de violencia de xénero? Claves para detectar'.

O encontro contará coa participación de Sara Vierna Fernández, educadora social especializada en xénero e políticas de igualdade, que abordará como detectar condutas de violencia de xénero na adolescencia. A súa intervención estará centrada na identificación de comportamentos e sinais que poden advertir de que unha persoa menor está a vivir unha situación de violencia machista.

Tamén intervirá Zaida Robles Pacho, psicóloga e coordinadora do programa de atención terapéutica a nenos e nenas vítimas de violencia de xénero da Fundación Meniños. A súa exposición analizará o impacto da violencia de xénero nas infancias e as consecuencias que pode ter para os menores estar expostos a este tipo de situacións.

Inscrición e servizo de canguraxe

A iniciativa busca ofrecer ferramentas para recoñecer posibles situacións de violencia que afectan non só ás mulleres, senón tamén aos seus fillos e fillas. A charla permitirá abordar esta realidade desde dúas perspectivas complementarias: a prevención e detección de condutas na adolescencia e a atención ás consecuencias que a violencia pode deixar na infancia.

As persoas interesadas en asistir deberán inscribirse previamente a través do correo electrónico cim@concellodeortigueira.com ou no teléfono 981 402 542. A organización tamén ofrece un servizo de canguraxe, igualmente con inscrición previa, para facilitar a participación das familias.

0.096022844314575