Unha charla en liña explicará os dereitos laborais das persoas con cancro ante unha posible incapacidade

As persoas con cancro e outras enfermidades graves poderán coñecer de primeira man os seus dereitos laborais e as opcións existentes cando unha enfermidade impide traballar con normalidade. A Asociación galega de persoas con enfermidades oncohematolóxicas (Asotrame) organizará o vindeiro mércores, 16 de setembro, unha charla en liña centrada na incapacidade laboral.
A sesión comezará ás 12.00 horas e estará aberta ao conxunto da cidadanía. A encargada de impartila será Alba García, traballadora social de Asotrame, que explicará que se entende por incapacidade laboral, cales son os seus diferentes graos e que pasos debe seguir unha persoa que queira solicitar o recoñecemento desta situación.
Un dos obxectivos da actividade será tamén aclarar a diferenza entre incapacidade e discapacidade, dous conceptos que en moitas ocasións se utilizan como sinónimos aínda que non significan o mesmo.
Durante a charla prestarase especial atención ás persoas que padeceron un cancro, incluídos os pacientes con enfermidades oncohematolóxicas. Abordarase como as secuelas da enfermidade e dos tratamentos poden afectar á capacidade para desenvolver unha actividade profesional e que dereitos teñen as persoas traballadoras nestas circunstancias.
A sesión tamén permitirá coñecer as obrigacións das empresas e os trámites necesarios para solicitar unha incapacidade laboral. Explicaranse os diferentes graos existentes, desde a incapacidade permanente parcial ata a total, absoluta e a gran invalidez.
Como participar na charla
A actividade forma parte do ciclo desenvolvido por Asotrame co apoio da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade, pertencente á Consellería de Política Social. As persoas interesadas en participar deberán enviar unha mensaxe de WhatsApp ao teléfono 698 130 684, indicando o seu nome e apelidos e o seu interese en asistir á sesión.
Unha vez realizada a inscrición, o equipo técnico da asociación facilitará a ligazón para conectarse á charla a través de Teams o mércores 16 de setembro ás 12.00 horas.