Unha ecovisita e unha viaxe a Betanzos para fomentar o envellecemento activo en Mañón

FerrolXa
A actividade do 15 de setembro permitirá coñecer a Casa Grande de Xanceda e o histórico lavadoiro das Cascas
MAÑON casa xanceda
23 Aug 2026

As persoas participantes no programa de Envellecemento activo e prevención da soidade non desexada de Mañón terán o vindeiro martes 15 de setembro unha nova oportunidade para compartir unha xornada fóra do municipio, con actividades relacionadas coa natureza, o patrimonio e a convivencia.

A proposta, impulsada polos Servizos Sociais do Concello de Mañón coa colaboración da Deputación da Coruña, inclúe unha visita á Casa Grande de Xanceda, onde se realizará unha ecovisita para coñecer de preto o funcionamento desta explotación e diferentes iniciativas relacionadas coa produción ecolóxica.

Durante o percorrido, as persoas participantes poderán visitar a sala de muxido, o obradoiro de iogur, a ecohorta, a zona dos tenreiros e as colmeas, entre outros espazos. A actividade permitirá achegarse ao traballo desenvolvido nunha explotación ecolóxica e coñecer diferentes procesos relacionados coa produción de alimentos.

A xornada continuará en Betanzos, onde está prevista unha visita ao lavadoiro das Cascas, un dos elementos máis singulares do patrimonio etnográfico e social da cidade.

A actividade está integrada no programa municipal destinado a promover un envellecemento activo e, ao mesmo tempo, favorecer espazos de encontro e relación entre as persoas participantes, especialmente como ferramenta para previr situacións de soidade non desexada.

Prazo para anotarse ata o 11 de setembro

As persoas interesadas en participar deberán reservar a súa praza antes do 11 de setembro. Para formalizar a inscrición poden contactar co Concello a través do correo igualdade@manon.es, acudir ás oficinas municipais ou chamar aos teléfonos 981 414 002 e 681 147 029.

O custo da actividade é de 15 euros, unha cantidade destinada ao pagamento do xantar.

Desde o Concello animan a participar nesta saída, que combina unha actividade de carácter divulgativo coa visita a un elemento do patrimonio betanceiro e, sobre todo, cunha xornada pensada para compartir tempo e experiencias con outras persoas.

0.11469006538391