Unha guía de recursos contra a violencia machista chega ao Concello de Cedeira

FerrolXa
O municipio distribúe 1.000 exemplares dun folleto con teléfonos de atención, servizos especializados e aplicacións de seguridade baixo a mensaxe 'Non estás soa'
CEDEIRA tripticos
26 Oct 2026

Ter a man os recursos necesarios para pedir axuda ante unha situación de violencia machista é o obxectivo dunha iniciativa do Concello de Cedeira, que vén de editar e repartir unha guía de atención ás mulleres. A publicación, da que se imprimiron 1.000 exemplares, xa está dispoñible en distintas dependencias públicas da localidade.

O folleto ten un formato reducido para poder levalo comodamente, mesmo xunto ao teléfono móbil. Nel recóllense números de contacto, páxinas web e aplicacións que ofrecen información e asistencia especializada, acompañados da mensaxe 'Non estás soa'.

A guía está dirixida tanto ás mulleres que sofren violencia como ás persoas que coñecen ou sospeitan que alguén pode estar a vivir esta situación. O propósito é facilitar o acceso aos recursos dispoñibles e animar a pedir axuda cando sexa necesario.

Teléfonos de atención e ferramentas de seguridade

Entre os recursos incluídos figuran teléfonos de emerxencias, información de contacto dos Centros de Información á Muller de Ortigueira e Ferrol e servizos de atención permanente, como o Centro de Crise de Ferrol e o teléfono 016 do Goberno central.

A publicación incorpora tamén códigos QR para acceder á páxina web da Delegación do Goberno dedicada a esta problemática e á aplicación AlertCops, das forzas de seguridade, que ofrece diferentes funcionalidades destinadas a reforzar a protección das mulleres.

Os exemplares, que dobrados miden 7,4 por 10,4 centímetros, poden recollerse no Concello, no centro de saúde, nos Servizos Sociais, nas oficinas da Policía Local, no posto da Garda Civil e noutras dependencias e instalacións públicas de Cedeira.

Con esta iniciativa, o Concello pretende facilitar que tanto as posibles vítimas como as persoas da súa contorna coñezan os recursos de atención dispoñibles e saiban onde acudir ante unha situación de violencia contra as mulleres.

0.1666100025177