Unha marcha ata o faro de Cabo Ortegal será o acto central da campaña contra as violencias machistas

Unha marcha desde o colexio de Cariño ata o faro de Cabo Ortegal marcará o próximo 25 de novembro o acto central da campaña comarcal ‘De faro a faro contra as violencias machistas’. A iniciativa reúne os concellos de Cariño, Cerdido, Mañón e Ortigueira nun programa compartido que se estenderá durante todo o mes con propostas de sensibilización, prevención e formación arredor da igualdade e da violencia contra as mulleres.
A edición deste ano foi presentada o 2 de novembro en Cariño, municipio que toma o relevo como anfitrión da campaña. O proxecto aposta pola colaboración entre as catro administracións locais e entidades sociais para abordar as violencias machistas desde distintos ámbitos, como a educación, a seguridade nos espazos públicos e a atención ás vítimas.
As primeiras actividades desenvolveranse esta semana. Mañón acollerá os días 4, 18 e 25 de novembro o espazo comunitario ‘Cartografías do medo contra as violencias machistas’, na biblioteca municipal de O Barqueiro, de 16:30 a 19:00 horas. A proposta busca reflexionar sobre a percepción dos espazos públicos e o dereito das mulleres a transitar por eles con liberdade e seguridade.
En Cariño, o xoves 5 celebrarase o taller coeducativo ‘Conecta coa igualdade para previr as violencias’, dirixido ao alumnado de terceiro e cuarto de Primaria do CEIP Manuel Fraga Iribarne. A actividade desenvolverase de 10:00 a 14:00 horas.
Formación, literatura e memoria colectiva
A programación continuará o 12 de novembro en Ortigueira cunha formación especializada sobre violencia de xénero e discapacidade, centrada nas claves para ofrecer un acompañamento inclusivo. A sesión, dirixida a profesionais de Aspromor e da comarca, terá lugar na sede da asociación en dúas quendas: de 11:00 a 14:00 e de 15:00 a 18:00 horas.
Cerdido será o seguinte escenario da campaña o día 17, coa presentación do libro ‘Remexido de patacas’, de Eli Ríos, e un coloquio coa autora. O encontro celebrarase ás 16:30 horas no CEIP A Barqueira.
Unha das actividades máis destacadas chegará o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A marcha comarcal sairá ás 11:30 horas do colexio de Cariño en dirección ao faro de Cabo Ortegal, onde está prevista a lectura do manifesto conxunto.
Unhas xornadas sobre as violencias no século XXI
O programa pecharase o 27 de novembro cunha xornada formativa no auditorio do Concello de Cariño, entre as 9:30 e as 19:00 horas. As sesións abordarán distintas manifestacións actuais da violencia machista, entre elas as que se producen nos contornos dixitais, así como cuestións relacionadas coas masculinidades disidentes e o acompañamento consciente ante situacións de violencia.
A convocatoria está aberta tanto a profesionais como á cidadanía en xeral. A clausura contará coa participación de Ugía Pedreira e incluirá unha visita á Asociación de Redeiras de Cariño. Ademais, haberá un servizo de conciliación entre as 16:00 e as 19:00 horas.
A campaña dá continuidade ao traballo conxunto iniciado polos catro concellos en edicións anteriores. De feito, en outubro celebrouse en Cariño a primeira Mesa Comarcal de Coordinación contra a Violencia de Xénero, un espazo no que participaron representantes municipais, autonómicos e estatais, así como a Garda Civil, para reforzar a prevención e a atención ás vítimas no territorio.