Unha nova horta, un colmear e un bosque comestible transforman A Cortiña en San Sadurniño

FerrolXa
O Concello investiu preto de 375.000 euros nun proxecto que tamén ampliou a área de autocaravanas e renovou os espazos de lecer e os sendeiros
SAN SADURNIÑO cortiña
22 Sep 2026

A Cortiña de San Sadurniño incorpora novos espazos pensados para a conservación da natureza, a divulgación, o lecer e a acollida de visitantes. O Concello está a ultimar un proxecto de mellora paisaxística cun investimento próximo aos 375.000 euros, financiado con fondos NextGenerationEU da Transición Xusta.

A presentación pública dos novos equipamentos terá lugar este venres a partir das 17.30 horas, cunha xornada de portas abertas na que a veciñanza poderá coñecer de primeira man algunhas das actuacións realizadas nos últimos meses.

O percorrido permitirá visitar a Horta de Conservación de Froiteiras Autóctonas Carlos Fornos, xestionada pola AGFA do Eume, e o novo colmear didáctico da Casa do Mel. A actividade non require inscrición previa e incluirá visitas guiadas e degustacións de produtos elaborados a partir dos recursos da propia horta, ademais dunha cata de diferentes variedades de mel.

Un almacén refrixerado alimentado con enerxía solar

Na horta instalouse un novo almacén refrixerado destinado á conservación durante máis tempo da froita colleitada. A infraestrutura aproveita un colector marítimo acondicionado para esta finalidade e conta cun sistema de abastecemento enerxético baseado principalmente na enerxía solar.

O espazo permitirá mellorar a xestión das colleitas das variedades tradicionais de froiteiras e reforzar o labor de conservación que se desenvolve nesta finca.

A seguinte parada será o colmear didáctico da Casa do Mel, onde se presentará unha nova cabana de usos múltiples para actividades relacionadas coa apicultura e o medio natural.

O equipamento incorpora ademais un espazo destinado á apiterapia, deseñado para experimentar o ambiente próximo ás colmeas, incluíndo as vibracións das abellas e os aromas propios do mel, a cera e o pole.

Froita local, mel e un novo bosque comestible

A xornada rematará cunha degustación de produtos elaborados con froita procedente da propia horta. Haberá zume, compota e marmelada artesanal elaborados no centro de transformación A Fusquenlla, ademais dunha selección de meles da Casa do Mel.

Pero as novidades da Cortiña van máis alá dos equipamentos vinculados á froita e á apicultura. O proxecto de mellora paisaxística permitiu renovar os sendeiros interiores da horta e do Arboreto situado xunto ao río Xubia.

Tamén se actuou na Fraga Máxica, onde se restauraron diferentes elementos e ampliouse o seu contido lúdico. Nas proximidades instalouse ademais un bosque comestible, cunha variedade de herbas, plantas aromáticas, arbustos e pequenos froitos.

O proxecto contempla igualmente a creación próxima dunha zona dedicada a diferentes cultivos, cunha finalidade formativa relacionada coa agricultura.

Máis espazo para autocaravanas

Unha das actuacións máis visibles é a transformación da área de servizos para autocaravanas. O espazo pasou de contar con dúas prazas destinadas ao baleirado e carga de auga a incorporar dez novas prazas de estacionamento para vehículos de grandes dimensións.

A superficie da área ampliouse ata os 1.000 metros cadrados e incorporáronse novos servizos, entre eles unha zona para a limpeza e pequenas reparacións de bicicletas, bancos e arborado.

As actuacións completáronse con intervencións nos xardíns municipais e no contorno da Casa do Concello. Entre elas figuran a creación dun novo parque infantil, a reparación do hórreo situado xunto á escola infantil e a impermeabilización dos estanques do pazo para favorecer o aforro de auga.

 

0.12038087844849