Unha unidade móbil facilita hoxe a doazón de sangue en Narón

A Axencia Galega de Doazón de Órganos, Sangue e Tecidos (ADOS) despraza este martes, 27 de outubro, unha unidade móbil ata Narón para facilitar a doazón de sangue. O vehículo estará situado xunto ao Centro de Saúde, onde atenderá ás persoas interesadas en doar de 9.30 a 14.30 horas e de 15.30 a 21.00 horas.
A iniciativa forma parte da campaña 'Doa sangue, un alento de vida', que busca promover a participación cidadá e garantir as reservas necesarias para atender as necesidades sanitarias.
Poden doar sangue as persoas de entre 18 e 70 anos que gocen de boa saúde e pesen máis de 50 quilos. Antes da extracción, o persoal sanitario realiza unha revisión para comprobar que a persoa reúne as condicións necesarias. Nesta valoración mídense parámetros como o pulso, a tensión arterial e o nivel de hemoglobina.
O proceso de doazón dura aproximadamente 15 minutos. Para acudir, ADOS recomenda estar ben hidratado e non ir en xaxún. As persoas que doan pola mañá deben almorzar previamente, mentres que as que o fan pola tarde deben deixar pasar dúas horas desde a comida. Tamén se aconsella evitar os xantares copiosos.
É necesario levar a tarxeta de doazón, o DNI ou outro documento identificativo. Ademais, as persoas que estean tomando algún medicamento deben comunicalo ao persoal sanitario antes de doar.
Galicia precisa máis de 400 doazóns diarias
O sistema sanitario galego precisa máis de 400 doazóns de sangue cada día para atender urxencias, intervencións cirúrxicas e tratamentos de pacientes con cancro ou leucemia, entre outras necesidades asistenciais.
Cada doazón permite obter tres compoñentes sanguíneos (plasma, plaquetas e glóbulos vermellos), que poden destinarse a diferentes tratamentos. As doazóns benefician cada ano arredor de 30.000 pacientes en Galicia.
As persoas que precisen máis información poden chamar ao teléfono gratuíto 900 100 828 ou consultar a páxina web da Axencia Galega de Doazón.