Valdoviño desprega un operativo de preto de 50 persoas para garantir a seguridade durante a eclipse

FerrolXa
O Concello restrinxirá accesos a zonas costeiras, prohibirá o baño durante o fenómeno e limitará o estacionamento e a pernocta desde hoxe
VALDOVIÑO dispositivo eclipse
11 Aug 2026

Preto de 50 persoas participarán este mércores, 12 de agosto, no dispositivo especial preparado polo Concello de Valdoviño con motivo da eclipse total de Sol. O operativo ten como obxectivo garantir a seguridade e facilitar a mobilidade ante a importante afluencia de veciños e visitantes que se prevé, especialmente na franxa litoral e na contorna da praia da Frouxeira.

O dispositivo foi revisado nunha reunión preparatoria presidida polo alcalde, Alberto González, na que participaron os responsables das áreas municipais implicadas, así como representantes da Policía Local, Protección Civil, servizo de socorrismo e servizo de obras e mantemento. O operativo contará ademais coa colaboración da Garda Civil de Valdoviño e, na súa zona de influencia, da Policía Portuaria.

As medidas están recollidas no Plan de actuación específico para a eclipse, asinado o pasado 14 de xullo, e buscan anticiparse á chegada de milleiros de persoas a diferentes puntos do municipio. Haberá un seguimento permanente da xornada e os servizos municipais actuarán de maneira coordinada para regular o tráfico, controlar os accesos e atender as posibles incidencias.

Restricións de tráfico e accesos

Unha das principais medidas será a prohibición do paso de vehículos de calquera tipo, agás os autorizados e os de seguridade, durante o día 12 de agosto en diferentes zonas do municipio.

A restrición afectará aos accesos ás baterías de Campelo e ao faro de Punta Frouxeira, así como á estrada da Costa entre Valdoviño e Marnela, en Pantín, e ao tramo comprendido entre O Baleo e A Veiga, tamén en Pantín. Tamén quedará prohibido o acceso rodado a determinados camiños e sendas que conducen aos espazos costeiros, especialmente os que levan a Punta Frouxeira, Porto Carrizo, O Baleo e Punta Chirlateira.

O obxectivo destas limitacións é evitar a saturación de vías e zonas especialmente sensibles e facilitar o traballo dos servizos de emerxencia e seguridade durante unha xornada na que se prevé unha elevada concentración de persoas.

Tampouco se poderá acceder aos cantís nin ás antigas instalacións militares

O Concello lembra tamén que estará prohibido o acceso peonil aos cantís. As persoas que se despracen pola costa deberán utilizar exclusivamente os accesos existentes e non poderán abandonalos para achegarse ás zonas de cantís.

Do mesmo xeito, non estará permitido acceder ás antigas construcións militares de Campelo e Punta Frouxeira, polo que o Concello pide á cidadanía que respecte os peches e as indicacións dos servizos de seguridade.

Baño prohibido durante a eclipse

Outra das medidas máis relevantes afecta ás praias. Tendo en conta o horario da eclipse e as dificultades que pode supoñer a vixilancia, o Concello establece a prohibición do baño en todas as praias durante o fenómeno, agás naquelas zonas que poidan ser expresamente habilitadas polo servizo de socorrismo.

Ao mesmo tempo, reforzarase a presenza dos socorristas nos areais durante a xornada para responder ante posibles incidencias e controlar o cumprimento das medidas establecidas.

Desde o Concello recoméndase ademais seguir as indicacións das autoridades sanitarias para a observación da eclipse e manter en todo momento unha actitude prudente ante a elevada afluencia prevista.

Aparcamento e pernocta

A mobilidade será outro dos puntos críticos do dispositivo. O Concello lembra que non se poderá estacionar fóra das zonas habilitadas, especialmente nos viais que non dispoñan de espazo específico para aparcar. A intención é evitar que os vehículos bloqueen estradas ou dificulten o paso dos servizos de emerxencia.

Ademais, desde hoxe, 10 de agosto, está prohibida a pernocta de calquera tipo de vehículo fóra das zonas habilitadas e autorizadas. A medida afecta tamén a persoas que pretendan pasar a noite en vehículos estacionados en lugares non autorizados para aproveitar a xornada da eclipse.

No caso dos vehículos de grandes dimensións, como autobuses, camións, autocaravanas ou furgóns, deberán estacionar nas proximidades das estradas autonómicas, evitando ocupar vías ou espazos que poidan comprometer a circulación.

O Concello advirte tamén de que os paneis, sinais e demais elementos instalados para ordenar os accesos e as praias forman parte do mobiliario urbano e dos servizos municipais de control. Calquera alteración, destrución ou incumprimento das indicacións poderá dar lugar ás correspondentes actuacións e sancións conforme á normativa aplicable.

Con este operativo, Valdoviño prepara unha xornada excepcional na que a eclipse volverá situar a súa franxa litoral entre os puntos de interese para a observación do fenómeno. O Concello pide á veciñanza e ás persoas visitantes que planifiquen os desprazamentos con antelación, respecten as restricións e sigan en todo momento as indicacións dos servizos de seguridade e emerxencias.

0.092600107192993