Valdoviño endurece o control da auga ante a prealerta por seca e pide limitar o consumo

A situación de prealerta por seca levará ao Concelloo de Valdoviño a reforzar o control sobre o consumo de auga co obxectivo de reducir o gasto e evitar, na medida do posible, a aplicación de restricións que poidan afectar directamente aos fogares.
O alcalde, Alberto González, anunciou estas medidas tras manter unha reunión de traballo con Tania Boo e Borja Rodríguez, xefa de servizo e encargado de Veolia, empresa concesionaria do abastecemento de auga no municipio.
O encontro produciuse despois da última reunión plenaria da Mancomunidade, na que se acordou que os diferentes concellos traballasen coas empresas concesionarias para aplicar todas as medidas posibles destinadas a reducir os consumos.
Máis control sobre a rede de abastecemento
Entre as novas actuacións previstas en Valdoviño está a intensificación da campaña para localizar enganches ilegais á rede de abastecemento, así como o reforzo dos traballos destinados a detectar posibles fugas.
O Concello tamén contempla o precintado temporal de determinados puntos de subministración situados en espazos públicos, especialmente naqueles lugares nos que se detectaron usos considerados irregulares.
Durante a reunión puxéronse como exemplo situacións nas que se empregaron fontes públicas para cargar depósitos de auga ou nas que se conectaron mangueiras ás billas dos aseos públicos para abastecer determinados vehículos.
Estas actuacións súmanse a outras medidas adoptadas durante o verán. Entre elas está o peche das duchas das praias de Valdoviño a comezos do mes de agosto, dentro das accións destinadas a reducir o consumo.
O Concello pide colaboración á veciñanza
O Goberno local considera que o control da rede debe ir acompañado dunha maior concienciación cidadá. Por iso, continuará difundindo recomendacións para fomentar un uso responsable da auga, especialmente a través das redes sociais municipais.
O alcalde pide á veciñanza que limite o consumo ao estritamente necesario e que evite empregar auga potable para determinadas actividades, como regar, encher piscinas ou lavar vehículos.
A intención do Concello é que a suma das medidas de control e a colaboración cidadá permita reducir o consumo e afrontar a situación de prealerta sen ter que adoptar medidas máis restritivas que afecten ao abastecemento doméstico.