Valdoviño lembra as vítimas da violencia machista e reivindica unha sociedade máis igualitaria

FerrolXa
O Concello celebrou un acto polo 25N coa lectura da declaración institucional e un minuto de silencio
VALDOVIÑO 25n
25 Nov 2026

Valdoviño conmemorou este mércores o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller cun acto institucional e veciñal ás portas da Casa Consistorial. Baixo a pancarta 'Valdoviño contra as violencias machistas', representantes municipais e veciñanza participaron na lectura da declaración aprobada por unanimidade no pleno de principios de novembro e gardaron un minuto de silencio en lembranza das vítimas.

O documento recolle a condena de todas as formas de violencia machista e o compromiso municipal de traballar por unha sociedade máis xusta e igualitaria. A homenaxe lembrou tanto as mulleres asasinadas como aquelas que viven baixo ameazas, control ou maltrato, sen esquecer as súas fillas e fillos, que tamén sofren directamente as consecuencias desta violencia.

A declaración advirte de que as cifras oficiais non poden reducirse a simples estatísticas, xa que detrás de cada caso hai unha vida truncada e unha contorna familiar afectada. Por iso, reclama manter e reforzar as políticas públicas de prevención, detección temperá, protección e atención integral. Tamén sinala a necesidade de actuar sobre as causas da violencia machista, entre elas a desigualdade estrutural, os estereotipos sexistas, o control nas relacións afectivas e os discursos que minimizan ou xustifican as agresións.

O Concello reafirmou así a súa aposta por incorporar a perspectiva de xénero a todas as políticas municipais. Neste contexto, o vindeiro venres presentará na Casa Consistorial os resultados do traballo de campo do Observatorio Comunitario de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero no Ámbito Rural (OCIVIX), que servirán de base para deseñar novas medidas locais.

Un obradoiro para adolescentes e unha nova rede de apoio ás mulleres

A programación municipal continuará este xoves, 26 de novembro, co obradoiro 'De Fronte ás violencias machistas dixitais', dirixido ao alumnado de cuarto da ESO do CPI Atios. A actividade estará guiada polo OCIVIX e utilizará materiais de sensibilización da campaña da Deputación da Coruña para abordar as violencias machistas na contorna dixital.

Tamén este xoves comezará en Loira 'Irmandiñas', unha nova rede de apoio e participación para mulleres. A iniciativa busca ofrecer un espazo de encontro e implicación e mantén aberta a adhesión para quen queira incorporarse. As interesadas poden contactar co departamento municipal de Servizos Sociais, na planta baixa da Casa Consistorial, ou chamar ao 981 48 70 41, extensión 5.

As actividades forman parte do programa 'Somos e Contamos', financiado polo Ministerio de Igualdade a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. O acto do 25N concluíu cunha mensaxe expresa contra calquera forma de indiferenza ante esta problemática: 'Non se pode mirar para outro lado'.

0.10822582244873