Valdoviño ofrece formación gratuíta para coidar persoas con alzhéimer e outras demencias

O Concello de Valdoviño organizará os días 14 e 15 de outubro unha acción formativa especializada no alzhéimer e noutras demencias, dirixida a familiares, persoas coidadoras non profesionais e a todas aquelas interesadas na atención e no acompañamento de persoas dependentes. As sesións desenvolveranse de 11.00 a 13.00 horas no centro sociocomunitario, con participación gratuíta e inscrición previa.
A primeira xornada estará dedicada ás demencias, con contidos centrados nos síntomas e sinais de alerta do alzhéimer, as estratexias para mellorar a comunicación coas persoas afectadas e as terapias non farmacolóxicas. O obxectivo é ofrecer recursos que permitan comprender mellor a enfermidade e afrontar as necesidades que poden xurdir no coidado diario.
O programa continuará o 15 de outubro cunha sesión práctica sobre autonomía e mobilizacións. Entre os temas previstos figuran as técnicas para realizar transferencias de maneira segura, a prevención de problemas circulatorios e cutáneos nas persoas encamadas e os métodos para facilitar a realización das actividades básicas da vida diaria.
A iniciativa pretende proporcionar coñecementos útiles para mellorar a calidade de vida das persoas con demencia e, ao mesmo tempo, apoiar o labor de quen as coida. A formación estará impartida por profesionais de Afal Ferrolterra.
As persoas interesadas poden formalizar a inscrición nos Servizos Sociais Municipais, situados na planta baixa da casa consistorial, ou a través do teléfono 981 48 70 41, extensión 5, e do correo electrónico servizos.sociais@concellodevaldovino.com.
O programa conta co financiamento da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e co apoio do Concello de Valdoviño.