Xa hai data para anotarse en Cabanas as actividades culturais, musicais e deportivas do curso 2026/2027

FerrolXa
As persoas empadroadas poderán inscribirse desde o 1 de setembro, mentres que o prazo para as non empadroadas comezará o día 4
TENIS PRAIA XENERICA
27 Aug 2026

A programación municipal de actividades para o curso 2026/2027 xa ten aberto o calendario de inscrición. A oferta inclúe propostas dirixidas tanto á infancia e á mocidade como ás persoas adultas, cun amplo abano de alternativas deportivas, culturais e formativas.

Entre as actividades destinadas aos máis novos figuran xudo, aventura, inglés, psicomotricidade, xadrez, predeporte, teatro, multideporte, novas tecnoloxías e patinaxe. Tamén se ofrece patinaxe familiar, ampliando así as opcións para compartir esta actividade entre diferentes xeracións.

No caso das persoas adultas, a programación incorpora propostas como ximnasia terapéutica, ximnasia pélviana e hipopresiva, pilates, ioga, bailoterapia, patinaxe, pádel e tenis. A oferta complétase con actividades como corte e confección, novas tecnoloxías, teatro, Escola de Arte e Tecnogym, distribuídas en diferentes instalacións e núcleos do municipio.

Datas diferentes segundo o alumnado

As persoas empadroadas e o alumnado matriculado no CEIP Eladia Mariño poderán realizar a inscrición desde as 8.30 horas do 1 de setembro ata as 23.59 horas do luns 7 de setembro.

No caso das persoas non empadroadas, o prazo abrirase ás 8.30 horas do 4 de setembro e permanecerá dispoñible ata as 23.59 horas do venres 11 de setembro.

As actividades comezarán a partir do 1 de outubro de 2026. Para os menores, a programación estenderase ata o 18 de xuño, mentres que as actividades para persoas adultas continuarán ata finais de xuño de 2027.

Documentación e bonificacións

Para formalizar a inscrición será necesario presentar a ficha correspondente e, segundo o caso, documentación adicional. No caso dos menores, tamén se deberá achegar a autorización correspondente e, cando proceda, a acreditación da matrícula no CEIP Eladia Mariño ou da relación laboral das familias co municipio.

As persoas empadroadas poderán acceder ademais a bonificacións do 10 % en diferentes supostos, entre eles as familias numerosas, as unidades familiares con ingresos por persoa inferiores ao IPREM ou aquelas nas que participen tres ou máis membros da mesma familia.

En situacións excepcionais tamén poderá concederse unha bonificación total ou parcial do prezo, logo do informe dos Servizos Sociais e do acordo correspondente. Para solicitala será necesario presentar o impreso específico de bonificación.

0.11512207984924