A alcaldesa de Fene pide rigor para abordar a reparación da condución de auga da Ponte das Pías

A alcaldesa, Sandra Permuy, trasladou á Deputación da Coruña a súa preocupación polo estado do sistema de abastecemento de auga da comarca, especialmente pola situación da condución da Ponte das Pías, que rexistra unha fuga pola que se estima unha perda diaria de arredor de 1.000 metros cúbicos de auga.
A rexedora mantivo este mércores unha xuntanza co vicepresidente provincial, Xosé Regueira, e coa deputada de Plans Provinciais, Cristina García, para informarlles da situación da infraestrutura e reclamar unha resposta coordinada das administracións implicadas.
O encontro prodúcese nun contexto marcado pola seca deste ano e polo descenso das reservas do encoro das Forcadas, do que depende o abastecemento de Fene e doutros municipios da comarca. Esta situación volve poñer o foco no estado das infraestruturas de distribución e na necesidade de reducir as perdas de auga.
'Nun escenario de escaseza como o actual, unha perda desta magnitude é unha cuestión que debe preocuparnos a todas as administracións. O primeiro debe ser actuar sobre a infraestrutura, reducir as fugas e garantir un sistema de abastecemento seguro e eficiente para a cidadanía', afirmou Sandra Permuy.
Reclaman aclarar as responsabilidades sobre a condución
O pleno da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol abordou nas últimas semanas a posibilidade de acometer a reparación da infraestrutura mediante unha fórmula de financiamento na que participarían Augas de Galicia, os concellos e a Deputación da Coruña.
Ante esta proposta, o Concello considera necesario aclarar previamente as condicións da actuación e as responsabilidades de cada administración. A alcaldesa sinala que non se pode dar por feita a participación económica da Deputación sen que exista unha interlocución previa e unha análise das condicións da reparación.
O goberno local lembra, ademais, que a condución é de titularidade do Concello de Ferrol, unha circunstancia que considera fundamental á hora de determinar quen debe asumir as obras e os custos de conservación.
'Estamos dispostos a falar e a colaborar na procura de solucións porque estamos ante unha infraestrutura esencial para a comarca, pero debemos facelo con rigor. Antes de falar de repartir custos hai que determinar con claridade a titularidade, as obrigas de conservación e as responsabilidades de cada administración e da empresa encargada da xestión', sinalou Permuy.
A alcaldesa incidiu tamén en que a preocupación da veciñanza polo abastecemento é comprensible, especialmente ante o descenso das reservas de auga. Por iso, defende que as administracións deben ofrecer información clara e solucións fundamentadas, sen atribuír responsabilidades antes de chegar a un acordo entre as partes implicadas.
Reclaman máis investimentos a Augas de Galicia
O Concello reclama tamén unha maior implicación de Augas de Galicia nas necesidades relacionadas co ciclo da auga no municipio.
Desde o goberno municipal lembran que a veciñanza aboa o canon da auga, un tributo autonómico de carácter finalista destinado a financiar programas relacionados co abastecemento, o saneamento, a depuración e a protección e xestión do medio hídrico.
Neste sentido, Permuy considera razoable reclamar que a recadación deste canon se traduza en investimentos que permitan mellorar as infraestruturas e resolver os problemas existentes.
'Levamos tempo trasladando necesidades relacionadas co ciclo da auga e entendemos que é razoable reclamar unha maior implicación de Augas de Galicia nas actuacións que afectan ao noso municipio', indicou.
A rexedora engadiu que, ao existir un tributo especificamente vinculado á política da auga, resulta lóxico demandar que os recursos recadados contribúan a mellorar as instalacións e afrontar as deficiencias detectadas.
Cooperación para garantir o abastecemento
Tras a reunión coa Deputación, o goberno local insiste na necesidade de abordar a situación desde a cooperación institucional, o intercambio de información e o respecto ás competencias de cada administración.
O Concello considera que a seca fai aínda máis urxente actuar sobre as perdas existentes e planificar as melloras que precise o sistema de abastecemento, pero defende que as decisións deben adoptarse sobre unha base técnica e administrativa clara.
'O abastecemento de auga é un servizo esencial e require planificación a longo prazo. A prioridade debe ser garantir o recurso, conservar correctamente as infraestruturas e evitar perdas. Seguiremos participando nos espazos de coordinación necesarios, defendendo ao mesmo tempo que cada administración asuma as responsabilidades que lle correspondan', concluíu Sandra Permuy.