A alcaldesa de Moeche reivindica en Bruxelas o dereito das mulleres a vivir e traballar no rural galego

FerrolXa
Beatriz Bascoy presentou os proxectos de A Fusquenlla e do CEDES Rural TIC e reclamou que as axudas comunitarias teñan en conta as particularidades dos concellos rurais
MOECHE alcaldesa Beatriz Bascoy BNG
5 Nov 2026

A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy Maceiras, participou por invitación do Parlamento Europeo nas xornadas de traballo sobre as mulleres no medio rural organizadas pola Comisión de Desenvolvemento Rexional (REGI). Durante a súa intervención, defendeu que o dereito a permanecer no territorio, un dos obxectivos das futuras políticas de cohesión da Unión Europea, debe ter en conta as dificultades específicas do rural galego, como a dispersión poboacional, as limitacións do transporte público e os problemas de acceso á vivenda, nun contexto no que tamén hai numerosas casas baleiras.

Bascoy expuxo ante a comisión dous proxectos impulsados con financiamento europeo que buscan favorecer o desenvolvemento económico e a permanencia da poboación no territorio. O primeiro foi o Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla, promovido por sete concellos e a Deputación da Coruña con fondos LEADER. Esta iniciativa formou xa máis de 110 persoas e conta actualmente con máis dun 75 % de usuarias mulleres. A alcaldesa destacou a súa capacidade para abrir unha vía de actividade económica a través da transformación dos excedentes agrarios e da súa posterior comercialización.

A segunda experiencia presentada foi o Centro de Desenvolvemento Económico e Social Rural TIC (CEDES Rural TIC), financiado con fondos destinados ás zonas de Transición Xusta. O proxecto contempla a posta en marcha dun centro público de teletraballo, aulas de formación e espazos de traballo compartido (coworking), co obxectivo de facilitar que a veciñanza poida desenvolver a súa actividade profesional sen abandonar o concello. Bascoy subliñou o papel que poden desempeñar as mulleres nestes espazos.

A rexedora reclamou que as futuras axudas europeas se adapten ás condicións concretas do rural galego e teñan en conta factores como o envellecemento, a falta de transporte de proximidade e as dificultades de acceso á vivenda. Segundo advertiu, estas carencias xeran desigualdades que afectan especialmente ás mulleres, que continúan asumindo responsabilidades tradicionais e, en moitos casos, cubrindo co seu traballo os déficits dos servizos públicos.

Tamén pediu que o deseño da nova Política Agraria Común (PAC) recoñeza a realidade das explotacións agrogandeiras galegas e o papel das mulleres que as sosteñen. Como exemplo, sinalou que en Moeche máis da metade das explotacións gandeiras teñen unha muller como titular.

Por último, Bascoy defendeu que as axudas poidan cubrir o 100 % dos investimentos nos concellos pequenos e que incorporen liñas de financiamento con capacidade de decisión e xestión directa municipal. Esta última demanda foi incluída pola eurodeputada do BNG Ana Miranda nas súas emendas ao orzamento da Unión Europea para o período 2028-2034.

0.47738909721375