A asociación veciñal Concello de Cariño consegue 50.000 euros para o proxecto dun novo centro de día

FerrolXa
A subvención, concedida a través das axudas LEADER xestionadas por Seitura 22, é a contía máxima desta liña e permitirá avanzar nunha iniciativa orzamentada en 128.720 euros
CARIÑO pancartas centro de día
21 Nov 2026

A Asociación Veciñal do Concello de Cariño conseguiu unha subvención de 50.000 euros para impulsar o proxecto dun novo centro de día, unha iniciativa que busca dar resposta a unha demanda histórica do municipio. A axuda, concedida a través da liña LEADER xestionada por Seitura 22, alcanza a contía máxima prevista e supón o primeiro respaldo económico para unha proposta cuxo orzamento ascende a 128.720,66 euros.

O anuncio chega despois de anos de reivindicacións para dotar Cariño dun servizo de atención ás persoas maiores. O municipio conta cun edificio destinado inicialmente a residencia e centro de día cuxas obras quedaron paralizadas hai máis de 15 anos, despois de que a empresa encargada da súa execución entrase en concurso de acredores. Desde entón, diferentes intentos de completar o proxecto non chegaron a materializarse.

A situación do equipamento volveu xerar debate tras a inclusión de Cariño no novo plan da Xunta para ampliar a rede de atención ás persoas maiores. A previsión autonómica contempla unha residencia satélite no municipio dentro do lote Eume-Ortegal, aínda que o anuncio abriu dúbidas sobre que instalación se desenvolverá finalmente e que ocorrerá co antigo edificio.

A falta deste servizo levou á asociación veciñal a convocar o pasado outubro unha manifestación que reuniu preto dun milleiro de persoas para reclamar a posta en marcha do centro de día e da residencia. Posteriormente, o colectivo tamén iniciou unha recollida de sinaturas para esixir avances e compromisos concretos por parte das administracións.

A nova subvención permitirá avanzar noutro proxecto para dotar o municipio dun centro de día. Segundo explica a asociación, a iniciativa conta xa cunha localización, un proxecto definido e os primeiros 50.000 euros concedidos, aínda que será necesario conseguir financiamento para cubrir o orzamento total.

A entidade veciñal asegura que continuará traballando para lograr os recursos que faltan e que non abandona a reivindicación de recuperar o antigo edificio destinado a residencia e centro de día.

A concesión desta axuda coincide practicamente co segundo aniversario da primeira reunión de veciños que deu orixe á asociación. Desde o colectivo agradecen o apoio recibido durante estes meses e destacan que este primeiro respaldo económico supón un avance para unha demanda que leva anos pendente en Cariño.

0.18584513664246