A Asociación Veciñal de Canido abre as inscricións para o novo curso con tai chi e baile galego

FerrolXa
A programación 2026/27 incorpora estas dúas novidades e mantén unha ampla oferta de actividades culturais e de lecer no barrio
FERROL av canido
3 Sep 2026

A Asociación Veciñal de Canido abriu o prazo de inscrición para as actividades do curso 2026/27, cunha programación que volve apostar por unha ampla variedade de propostas para diferentes idades e intereses.

Entre as novidades deste curso destacan as clases de tai chi, impartidas por Iolanda Teixeiro, e de baile galego, a cargo de Noemí Picos. A oferta complétase con decenas de actividades organizadas tanto no local da Sociedade Recreativa Deportiva Canido como no Centro Cívico do barrio.

A programación inclúe propostas deportivas como fútbol para diferentes idades, ximnasia de mantemento, pilates, ioga, hipopresivos, adestramento funcional, danza oriental ou lindy hop. Tamén hai alternativas relacionadas coa música e a cultura, como teatro, acordeón, pandeireta, percusión tradicional, batukada, coro, flamenco ou sevillanas.

A oferta incorpora ademais actividades de carácter formativo e de lecer, entre elas inglés, italiano, xaponés, mindfulness, macramé, ganchillo, bordado, cestería, actividade mental e diferentes propostas de danza e expresión corporal.

No caso das actividades infantís e xuvenís, o programa inclúe tamén fútbol, teatro, música, baile galego, capoeira, concerto e outras iniciativas adaptadas ás diferentes idades.

As persoas interesadas poden consultar os horarios, prezos, profesorado e condicións de inscrición a través da páxina web da Asociación Veciñal de Canido. O cartel da programación establece tamén un incremento de 5 euros nos prezos para as persoas que non sexan socias.

Máis actividades culturais durante setembro

A programación de setembro terá tamén outras citas culturais. O festival 'Entes Animados... e máis....' contará con dúas sesións, unha dirixida ao público adulto e outra pensada para as familias. A primeira será o sábado 12 de setembro ás 21.00 horas, mentres que a segunda terá lugar o domingo 20 de setembro ás 12.30 horas.

O mes completarase coa primeira sesión do ciclo 'Asaltos Literarios', prevista para o 11 de setembro, e cunha nova cita de 'O Barrio é Noso', o día 18.

 

0.12156820297241