A autora Raquel Calvo presentará en Valdoviño o seu libro sobre a historia do feminismo

FerrolXa
A publicación, titulada 'Nosotras. Historia ilustrada del feminismo', está editada por Litera e conta coas ilustracións de Mariona Cabassa
VALDOVIÑO raquel calvo libro
21 Oct 2026

A autora afincada en Valdoviño Raquel Calvo vén de publicar 'Nosotras. Historia ilustrada del feminismo', un libro que repasa a historia das mulleres e dos movementos feministas en todo o mundo. A obra está asinada xunto á ilustradora Mariona Cabassa, que conta con preto dun centenar de libros infantís publicados en diferentes idiomas e países.

Esta semana, Calvo entregou dous exemplares á concelleira de Cultura, Rosana García, para a súa incorporación aos fondos da biblioteca municipal. Ademais, anunciou a súa intención de presentar a publicación en Valdoviño, aínda que polo momento non se concretaron a data nin os detalles do encontro.

Editado por Litera, o libro está dispoñible en internet e en librarías. Tamén se pode encargar na Libraría Xeila.

Un percorrido polos dereitos das mulleres

A publicación aborda a evolución dos movementos feministas e as loitas que fixeron posibles avances como o acceso das mulleres á ensinanza e ao traballo ou o dereito ao voto.

A través de textos e ilustracións, a obra repasa as reivindicacións e os cambios sociais que contribuíron a ampliar os dereitos e as liberdades das mulleres en diferentes lugares do mundo. O libro tamén convida a reflexionar sobre os avances acadados e os retos que continúan pendentes en materia de igualdade.

0.1026349067688