A Biblioteca de Valdoviño estrea un club de lectura con encontros cada quince días

FerrolXa
A primeira sesión celebrarase o martes 10 de novembro ás 19:00 horas e estará dedicada á novela ‘El maestro de almas’, de Irène Némirovsky
VALDOVIÑO biblioteca
3 Nov 2026

A Biblioteca Municipal de Valdoviño porá en marcha a próxima semana un novo club de lectura aberto á veciñanza a partir dos 16 anos. A iniciativa, impulsada pola Concellería de Cultura, terá inicialmente encontros quincenais e arrancará o martes 10 de novembro ás 19:00 horas coa presentación da novela ‘El maestro de almas’, da escritora Irène Némirovsky.

A auxiliar da biblioteca, Carmen Iglesias, será a encargada de coordinar as sesións e acompañar as persoas participantes neste novo espazo de encontro arredor da literatura. A proposta busca facilitar o intercambio de opinións sobre as obras e compartir experiencias lectoras.

O funcionamento do club comezará cunha primeira sesión na que se presentará o libro e se animará á súa lectura. No seguinte encontro, previsto quince días despois, os participantes poderán comentar as súas impresións sobre a novela e coñecer o título da seguinte obra.

Para facilitar o acceso aos libros, o Concello conta cun acordo coa Biblioteca Provincial que permitirá dispoñer de exemplares suficientes de cada título para o préstamo en cada sesión.

A participación é gratuíta, pero require inscrición previa. As persoas interesadas poden anotarse desde xa na Casa da Cultura ou chamar por teléfono en horario de 10:00 a 14:00 horas aos números 981 487 666 e 645 305 229. Tamén poden facelo de 17:00 a 19:00 horas no 689 283 249.

0.18252182006836